RUMBOIA 142 – Pelogato 24 – AGG – 2007 (13:58)

Programa: 
Rumboia

Pelo gato 24 é un traballo feito dende a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, coa idea de divulgar a nosa tradición e darlle a importancia que se merece. O tema deste traballo son algunhas das tradicións da infancia: os xogos e as cantigas. Está feito pensando nos nenos e nenas, pero coa vontade de que sexa de interese tamén para os pais e os mestres. O principal obxectivo deste traballo é difundir os xogos e as cantigas tradicionais entre os propios nenos e nenas, que foron os que transmitiron a través do tempo estas tradicións, algunhas delas moi antigas, e tamén fomentar o aprecio e o respecto polas nosas tradicións culturais e poñelas en valor.

Trátase dun libro, un CD e un DVD co que AGG segue a apostar pola divulgación da música tradicional entre @s nosos cativ@s. O CD de audio consta de 13 cantigas tradicionais para nen@s, que baixo a dirección musical de Paulo Nogueira e Magoia Bodega foron interpretadas por cantantes e músicos do prestixio de Leilía, Fuxan os Ventos, Migallas, Xabier Díaz, Mercedes Arribe, Sonia Lebedynski, Sra. Carmen, Xurxo Souto, César Longa, Begoña Riobó, Pancho Álvarez, Segundo Grandío, Xosé Liz e a charanga "Vai de Baile". O DVD está formado por un docufilm dirixido por Pablo Carpintero e Gustavo Couto sobre os xogos tradicionais, ademais dun "Como se fixo" e os videoclips e playbacks das cantigas.