O documento nacional de identidade

Programa: 
O ofício de escrever
José Martinho Montero Santalha

En 1966 Carvalho publica a “Gramática elemental do galego común” unha obra moi necesaria nese momento porque “non había unha gramática accesible para traballar con ela” afirma Martinho Montero, linguísta e biógrafo do profesor ferrolán. As anteriores gramáticas ou estaban esgotadas ou quedaran obsoletas. A gramática de Carvalho Calero foi fundamental, como da conta dilo que chegara a sete edicións. “Todos estudamos con ela”. Na faceta de ensaísta, Ricardo Carvalho Calero deixou obras de estudo fundamentais para o coñecemento da literatura galega. Entre elas as dedicadas a Rosalía de Castro porque soubo ver na súa obra outros aspectos que ninguén abordara e deulle unha dimensión mais profunda. Deixou escrita unha frase que é ben significativa do que Carvalho pensaba de Rosalía, “ Cantares Gallegos é o documento nacional de identidade de Galiza”. Carvalho demostra que fronte á visión folclórica que se tiña do noso país, Rosalía logrou unha empatía co pobo galego traballador como nunca se tiña feito.

En 1989 publicou “Escritos sobre Castelao” unha obra tamén agardada. “Do Galego e de Galiza” obra póstuma editada en 1990, é quizás o testamento de Don Ricardo. É unha recompilación de artigos, algúns publicados había tempo. Tras a xubilación o profesor ferrolán traballou moitísimo, afirma Montero quen finalmente chama a nosa atención sobre a biblioteca de Carvalho Calero, da que dispoñen os investigadores desde 1997. É útil para seguir indagando. Os libros son importantes pero o mais valioso é o seu arquivo persoal e entre os documentos, as cartas recibidas porque das enviadas apenas gardou copias. “Son unha fonte de información marabillosa” conclúe Martinho Montero.