Lara e Sabela. Ignacio Vidal Portabales

Programa: 
Club de lectura

Vaia por diante que o humor e a perversión lúdica invaden esta historia que bebe de referentes no cinema clásico ou na literatura co sentido acedo do humor de escritores Oscar Wilde ou Álvaro Cunqueiro. Confesa Ignacio Vidal que nas tres novelas que ten publicado hai sentido do humor porque el necesita divertirse co que fai. A Vidal Portabales, profesor de Dereito Mercantil na USC, sempre lle chamou a escrita porque seu pai era poeta e comentaba os libros que lía con el. Que unha galerista e unha pintora sexan as protagonistas deste amor arrebatado, platónico e imposible, ten que ver cos libros de Arte e os debates sobre as extravagancias dos artistas, que rodean na casa ao autor de Lara e Sabela. “O autor debe asumir un certo risco arredor da idea da sedución, unha certa extravagancia” afirma. Que as protagonistas deste atormentado amor sexan mulleres foi todo un reto, pero recoñece terse divertido facéndoo. “A miña muller e a miña filla son as primeiras en lelo e son tremendamente sinceras, mesmo letais”. O final queda aberto. Recoñece ter escrito diferentes versións da novela ata conseguir o ton e a tensión que requiría. “É difícil hoxe publicar si non hai un premio, por iso Vidal Portabales está agradecido e estimulado para continuar. Neste momento anda na escrita dunha novela pensada para o público xuvenil. No Club de lectura de Radiofusión participaron: Esther Val, Andrés C.M Riveira, Carlos Aguado, H. Sanfiz e o propio autor, Ignacio Vidal Portabales. (Imaxe de Xanxe Corral)