Carvalho Calero publicou once poemarios

Programa: 
O ofício de escrever
Martiño Montero en Radio Fene

“O máis íntimo da miña personalidade está reflexado na miña poesía” As palabras de Ricardo Carvalho Calero son toda unha manifestación da súa vontade. “Considerábase ante todo un poeta. Esa foi a súa ilusión xa desde a mocidade” segundo o seu estudoso Martinho Montero Santalha quen acude a unha carta do ferrolán a Filgueira Valverde, datada en 1936, cando este último preparaba unha antoloxía da poesía galega. Carvalho escrébelle: “Son poeta e no futuro penso adicarme so a iso”.

A pesar de que Carvalho Calero pasou á historia da literatura galega como ensaísta e mesmo dramaturgo, acabou publicando once libros de poesía. Martinho Montero non quere clasificalos pero recoñece que nos dous primeiros en castelán nótase a influencia da poética modernista de Rubén Darío, pero en xeral foi sempre bastante independente. Afirma Montero que sempre o acompañou a máxima filosófica de Ortega y Gasset, “a poesía é a suprema álxebra das metáforas”.

Poesía en galego

“Aquí nótase un aspecto máis persoal, de liberación” afirma o lingüista. “El dicía que facía poesía para si mesmo, como unha catarse” e decántase por “Reticencias”, publicado en 1990, como posiblemente o seu mellor poemario. “É o máis maduro, o máis auténtico” quizás porque son os últimos poemas, escritos cando xa estaba enfermo. En “Cantigas de amigo”, o penúltimo, Carvalho Calero pon os poemas en boca das mulleres, desde unha perspectiva moderna. Mesmo mete personaxes femininos que soan nese momento. O sentido da existencia está presente sempre na súa obra poética. “Mesmo os poemas aparentemente máis banais, conteñen unha reflexión máis profunda, como en Rosalía” afirma Martinho Montero.