A utilidade da reforma da Constitución

Programa: 
Rutas, eventos, escapadas

O candidato socialista á Presidencia do Goberno, Alfredo Pérez Rubalcaba, valorou, nos corredores da Cámara Baixa, a reforma da Constitución tras ser aprobada no Congreso. Textualmente, afirmou: "Creo que esta é unha reforma que reforza a confianza na nosa economía, por tanto reforza a confianza no noso país nun momento ademais especialmente difícil, e esa é a razón pola que o Grupo Parlamentario Socialista a apoia".

A portavoz do Grupo Popular no Congreso Soraya Sáenz de Santamaría defendeu a reforma da constitución "co mesmo ímpeto co que Rajoy presentouno hai un ano. Por tanto e tras a crise deste ano, considero que é razón suficiente para pornos de acordo. Consideran que hai algún debate máis urxente? para o PP non o hai". Na súa intervención, a dirixente popular defendeu a necesidade desta reforma constitucional "con máis motivos" que hai un ano, cando Mariano Rajoy a propuxo. "Entón era conveniente, agora é imprescindible", salientou.

Así as cousas, lembrou que os españois levan moito tempo pedindo medidas útiles fronte á crise e "ese, e non outro, é o debate que nos convoca hoxe". E é, precisamente, esta reforma constitucional, sinalou Sáenz de Santamaría, "a resposta que, desde o consenso, ofrecemos á sociedade española"; unha resposta que vai dirixida a "case cinco millóns de españois que buscan un emprego".

O BNG demanda un referendo

O portavoz do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, expresou o “total e absoluto rexeitamento do BNG, tanto polo contido como pola forma antidemocrática” da reforma da Constitución pactada entre PP e PSOE, e demandou un referendo. En sinal de protesta, os parlamentares do BNG aos que se uniu senador nacionalista, abandonaron o hemiciclo no momento das votacións.

Antes das votacións, o portavoz do BNG pediu a palabra e dixo que "retiramos a nosa emenda e nos ausentamos do hemiciclo porque non estamos dacordo coa forma e co contido desta reforma constitucional".

Na súa intervención no Pleno, Jorquera deixou claro que o BNG nunca compartiu o “confesionalismo constitucional que profesan os grupos maioritarios da Cámara” e “aspiramos a que no futuro sexa posíbel unha reforma da Constitución que recoñeza a realidade plurinacional do Estado, que recoñeza o dereito á autodeterminación dos pobos e que permita profundizar na democracia e avanzar na igualdade e xustiza social”.

Desprezo ás máis elementais formas democráticas

Máis, reprochou, “o camiño que nos propoñen é o inverso, vostés propóñennos unha contrarreforma”. E criticou que “o fagan con total desprezo ás máis elementais formas democráticas, sacrificando así a soberanía da política por rendir a democracia ás chantaxes dos especuladores”.
Foi moi crítico coas formas adoptadas polo PP e polo PSOE para levar a cabo esta reforma constitucional por “sacrificar a soberanía deste propio Parlamento ao que case se lle insta a aprobar por decreto o que pactaron o Señor Zapatero e o Señor Rajoy de costas a esta Cámara”, limitando incluso as posibilidades de debate “até o extremo de inadmitir a trámite moitas das emendas presentadas”.

E sobre todo, recalcou que “sacrificaron a soberanía popular ao eludir a celebración dun referendo”. E “sacrificaron tamén” o autogoberno das CC.AA por mermar a súa autonomía financeira “sen consultalas”. Acusou así ao PP e ao PSOE de “pretender impór un único pensamento económico”. Considerou que “esta contrarreforma atenta contra a autonomía política dos futuros gobernos ao limitar o uso das políticas orzamentarias”.

O límite de défice vai en contra do modelo social definido na propia Constitución

Reprochou aos partidos que acordaron a contrarreforma de “impór uns límites de défice que sobrepasaron todos os grandes estados da UE nos últimos vinte anos”. E advertiu dos perigos que enxendra xa que o seu cumprimento aboca ao desmantelamento das políticas sociais e á precarización e privatización dos servizos públicos”. Sen esquecer, que tais límites de défice fan imposíbel a converxencia en benestar social entre o norte e o sur de Europa.

Salientou o feito de que con esta reforma o modelo social definido pola Constitución será “papel mollado”. Jorquera puxo sobre a mesa a proposta do BNG explicada na súa emenda de totalidade para que se reformen os artigos 131 e 133 da Constitución para desenvolver unha política tributaria xusta e equitativa que asegura o mantemento dos servizos públicos e as prestacións sociais. Defendeu o papel da iniciativa pública na actividade económica. Sen obviar o importante papel das CC.AA que teñen unha dupla finalidade: equilibrar e armonizar o desenvolvemento territorial e sectorial, e estimular o medre da renda e da riqueza e a súa máis xusta distribución.

Puxo de manifesto que o Estado español ten o gasto público por habitante máis baixo da Europa dos 15, “onde o gasto social por habitante apenas representa o 74% da Europa dos 15”, un estado que é un campión de Europa en “fraude e evasión fiscal”, e onde o 1% máis rico apenas contribúe á quinta parte que o 1% máis rico en Suecia.
O portavoz do BNG pechou a súa intervención expresando o “total e absoluto rexeitamento do BNG tanto polo contido como polas formas desta proposición de lei e demandamos un referendo”.