Paula Carballeira estrea O Refugallo, premio Manuel María do 2011

Programa: 
Onda Rural

Chiqui Pereira, director da montaxe; Nacho Sanz, compositor; e Paula Carballeira, quen ademais de autora é unha das súas intérpretes, presentaron O refugallo hoxe nunha rolda de prensa na que estiveron acompañados de Manuel Guede Oliva, director do Centro Dramático Galego-Salón Teatro, así como de parte do equipo artístico desta nova proposta teatral.

Ademais da cesión do Salón Teatro para a estrea, Cultura e Educación tamén apoia a coprodución de Berrobambán e Bichakadela con preto de 42.000 euros, adxudicados ao proxecto no marco da última convocatoria de subvencións ás industrias culturais da Agadic, na modalidade de axudas á actividade escénica.
 
Diversión e reflexión

Paula Carballeira, Nuria Sanz, José Campanari e David Loira dan vida a catro amigos que viven no refugallo: Isolda co seu libro de viaxes, Hipatia cun telescopio, Borobonte e a súa tartaruga, e Lustucrú cunha pata de pau. Xuntos xogan a construír un novo mundo a partir de todo o vello e roto que os rodea porque, como nenos que son, saben ver as cousas doutra maneira fronte a unha sociedade na que se impón o frenético consumo de usar e tirar.

Tal e como sinalara no seu día o xurado do Premio Manuel María, O refugallo conxuga a diversión coa presenza de valores útiles para a reflexión crítica sobre a cultura do consumismo, ao tempo que mantén un ritmo moi dinámico que a fan recomendable para os espectadores infantís e xuvenís. Para a súa posta en escena e co obxectivo de continuar afondando no achegamento das novas linguaxes escénicas ao público familiar, Berrobambán –cunha longa traxectoria en teatro infantil de actores e actrices– asociouse con Bichakadela, unha compañía de recente creación da que forman parte recoñecidos nomes do ámbito contemporáneo.

Con esta coprodución, ambas formacións buscan reafirmar a súa aposta pola innovación e polo mantemento da calidade nas montaxes dirixidas aos espectadores máis novos. Baixo estas premisas, a proposta reúne máis de 15 destacados profesionais da escena galega, entre os que tamén se atopan Pablo Pastor no deseño da escenografía, Baltasar Patiño na iluminación, Cloti Vaello na realización do vestiario ou Pablo Giráldez na dos instrumentos. Ademais de formar parte do elenco, David Loira asina a coreografía e exerce de axudante de dirección.  

Venda de entradas en billeteira

As entradas para as representacións desta fin de semana estarán á venda na billeteira do Salón Teatro, que abrirá ao público o sábado e o domingo a partir das 16.00 horas. Para este espectáculo establécese un prezo especial único de 5 euros por localidade.Ademais, O refugallo ofrecerá catro sesións matinais (mañá xoves, o venres 18, o luns 21 e o martes 22, ás 11.00 horas) en funcións concertadas con diferentes centros escolares galegos.