O día que morreu Rosalía

Programa: 
Músicas e Letras

“Mi querido Manolo”. Como lector, non era común poderse achegar a ese nivel de intimidade familiar que Rosalía de Castro empregaba no encabezamento das cartas dirixidas ao seu esposo, Manuel Murguía. Mais agora a poeta aparécesenos en toda a súa complexidade humana nas 16 misivas conservadas e editadas para a súa consulta no Epistolario Dixital rosaliano que está a libre disposición da cidadanía na web do Consello da Cultura Galega. A lectura destes textos, os poucos que se conservan dunha produción máis ampla, permite “abrirnos á diversidade e á fecundidade da súa escrita”, explica María do Cebreiro, unha das editoras das cartas e coordinadora do grupo de investigación da Universidade de Santiago arredor da escritora.

 

A “mater amantísima”, a “encarnación de Galicia”, foron algúns dos estereotipos asociados a Rosalía, mais estes manuscritos permítennos ver por nós mesmos que, segundo Do Cebreiro, “había outras dimensións nela, a da muller que quere labrarse un camiño como escritora profesional, e logo unha muller que chega a converterse en mentora literaria para os que chegarán a ser grandes poetas da época, como Pondal”.

O traballo para este Epistolario Dixital supuxo un “cotexo” que “durante máis de 50 anos non se fixera”. Así, detectáronse algúns erros na interpetación das cartas que realizara Juan Naya “levado por unha ideoloxía moi concreta de quen tiña que ser Rosalía”, precisa María do Cebreiro. É por iso que durante anos lemos “las realidades de los maridos” onde a autora escribira verdadeiramente “las veleidades de los maridos”.

Este monllo de cartas que por vez primeira aparecen tratadas por xunto, completarase cunha segunda parte do traballo. A editora avanza que incluirá as epístolas que os seus correspondentes lle remitiron á súa vez a Rosalía. Polo de agora é posible ler as remitidas pola autora de “Cantares Gallegos”, xunto cos arquivos pdf que reproducen os manuscritos orixinais, no enderezo web http://epistolarios.consellodacultura.org/rosalia.php