Milleiros de persoas en defensa das caixas de aforro

Programa: 
Rutas, eventos, escapadas

A marcha percorreu as rúas entre a Alameda e a Praza da Quintana onde rematou ao pé da catedral. Os manifestantes protestaron contra o decreto do carbón e esixiron a retirada das últimas medidas lexislativas referidas ao sistema bancario. Os nacionalistas criticaron "a ausencia de lideranza dun Goberno galego que dimite das súas responsabilidades e que non é quen de porse ao frente da sociedade en defensa do País". O BNG salientou que "arredor de 1.500 explotacións leiteiras pecharon desde que o PP goberna a Xunta". Para as forzas convocantes da marcha, "desde que goberna Feijóo, Galicia lidera a destrución de emprego no conxunto do Estado, até chegarmos a un máximo histórico de 245.000 paradas e parados".

Menos oficinas
"Os consumidores verán elevarse xuros e comisións coa desaparición das caixas"  alertou esta mañá a Asociación de Usuarios de Servizos Financeiros, Ausbanc, que sinalou o decreto como a "acta de defunción das caixas e das súas obras sociais". A entidade tamén denunciou a posible redución de oficinas bancarias naquelas localidades nas que "non existe rendabilidade económica".

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, culpou ao Goberno da Xunta presidido por Núñez Feijóo e ao PSdeG-PSOE de utilizar unha "táctica equivocada" e conducir a NCG "a unha situación delicadísima". Vázquez asegurou que todos os sectores produtivos e financeiros de Galicia pasan neste momento "por unha situación crítica", e acusou o Executivo galego de carecer dunha política eficaz para atallar a situación e de eludir responsabilidades.
 
Tamén dirixiu as súas críticas o líder do BNG cara ao Goberno de Rodríguez Zapatero, ao que acusou de pór en marcha "políticas antisociais que nos están conducindo a unha situación de crise social importantísima". "O noso destino non é a emigración, e por tanto estamos aquí para dicirlle aos gobernos que teñen que modificar as actuais políticas económicas, que hai que defender os sectores produtivos e que o aforro galego siga vinculado ao desenvolvemento económico do noso país", sinalou.
 
Pola súa banda, o secretario xeral da Confederación Intersindical Galega (CIG), Suso Seixo, criticou a aprobación no Congreso do decreto de reestruturación do sector financeiro, o cal, dixo, foi deseñado "para privatizar as caixas aforros". O líder sindical afirmou que as caixas "controlan" o cincuenta por cento do aforro e por iso dixo que eran un negocio "apetecible" e "detrás do que levaban moito tempo".
 
"Para a CIG ter unha caixa de aforros galega é fundamental, máxime nestes momentos de crise económica e como apoio ao tecido produtivo e ás familias, pero tamén como soporte ao autogoberno", sinalou Seixo. Suso Seixo considerou que co intento de privatización de NCG a comunidade autónoma de Galicia está "nunha situación profundamente delicada".