María Xosé Queizán, Voz de Liberdade 2011

Programa: 
A biblioteca infinda

O xurado cualificador do Premio “Voz de Liberdade” 2011, outorgado polo Centro PEN de Galicia, integrado por Luís González Tosar, Miro Villar, Inma López Silva, Marilar Aleixandre, Manuel Outeiriño, Román Raña e Manuel Guede, decidiu conceder este galardón, na súa quinta edición, por unanimidade, á escritora viguesa María Xosé Queizán. Entre outros méritos, o xurado considerou, “a súa traxectoria independente e firme, tanto na defensa da liberdade de expresión coma na  dos dereitos das mulleres desde a década dos sesenta ata a actualidade. María Xosé Queizán, cunha obra de referencia na narrativa, na poesía, no ensaio e no teatro, destaca tamén polo seu labor de tradutora e por manter, ao longo de 28 anos, a revista “Festa da palabra silenciada”, verdadeira voz da escrita feminina e exemplo de pluralidade e proxección exterior da literatura galega”. O xurado fai constar, asimesmo, que María Xosé Queizán impulsou, xunto con outros 22 escritores e escritoras, o primeiro intento de creación do PEN Clube de Galicia, asistindo á asemblea constitutiva celebrada en Santiago o 7 de abril de 1977 e suscribindo a incorporación ao PEN Internacional.

 Este importante recoñecemento da sección galega da organización mundial de escritores (o PEN Internacional é órgano consultivo clase A para temas culturais da ONU e da UNESCO), recaeu anteriormente en Bernardino Graña, Úrsula Heinze, Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo e, na última edición (2009), correspondeulle a Marcos Valcárcel.

A entrega do “Voz de Liberdade” 2011, unha peza escultórica da autoría do ourensán Xosé Cid, terá lugar no transcurso dunha actividade literaria aberta, na que a glosa da homenaxeada correrá a cargo da Catedrática de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Vigo, Prof. Mª Camiño Noia Campos. O acto terá lugar o sábado 26 de novembro, ás 12:00 horas, na Sala de Conferencias do Centro Social Novacaixagalicia, Praza de Cervantes, Santiago de Compostela.