Alborada para Rosalía de Castro

Programa: 
A Base do Deporte

Os organizadores propoñen dar lectura, trala Alborada, deste Manifesto:

Vaite noite...
Vai fuxindo...

Grande atrevemento é sen dúbida que todos os gaiteiros de Galicia saiamos ás encrucilladas, ás prazas, ás rúas, neste 24 de febreiro de 2013. Grande atrevemento é dar unha alborada para dicir a todos que naceu Rosalía de Castro. Pero somos atrevidos. Porque aquel 24 de febreiro de 1837 canda ela necemos todos os galegos, mesmo os que aínda han de nacer. Atrevémonos porque hai cento cincuenta anos Rosalía publica Cantares gallegos e anuncia e constrúe a Galicia  contemporánea. No principio foi o verso, co seu canto nace o país que somos. Puxo o maior coidado en reproducir o espírito do noso pobo, velaí o mesmo espírito que aniña nos punteiros todos das gaitas. Somos atrevidos, queremos mil, cen mil gaiteiros máis para Galicia, e guiados por aqueles Cantares queremos tocar unha alborada de gloria. Que todos saiban que
hoxe a gaita galega non chora, que canta.

Vente aurora...
Vente abrindo...