A xenerosidade e o altruismo de Anxel Casal

A xenerosidade e o altruismo de Anxel Casal

08 de Abril, 2017 - 12:00 h. | Publicada por Radio Arzúa

Un home que amaba tanto aos libros non podía ser malo. Durante 12 anos -entre 1924 e 1936- Anxel Casal adicou boa parte da súa vida á edición e impresión de libros. Todo tipo de publicacións viron a luz grazas a xenerosidade e ao altruismo dunha persoa que confiaba nos libros, na educación, na cultura, como o método máis efectivo para extender a valoración do próximo, aquilo que deron en chamar galeguismo.

Ánxel Casal Gosenge naceu na Coruña o 17 de decembro de 1895 e foi asasinado en Cacheiras, en Teo, a carón de Compostela, o 16 de agosto de 1936. Uns dias antes detivéranno en Vilantime (Arzúa) na parróquia natal do seu pai, onde se tiña escondido a raíz do golpe de estado.

Casal fundou a Editorial Lar na Coruña en 1924 conxuntamente con Leandro Carré. Imprime unha novela en galego de Wenceslao Fernández Florez, máis axiña amplia actividades ao producir revistas como Nós e Arquivos ademais do voceiro nacionalista A Nosa Terra. Casal en 1927 trasládase a Santiago e alí funda a Editorial Nós. Na dictadura de Primo de Rivera A Nosa Terra logra sobrevivir ainda submetida á censura militar.

A súa relación co galeguismo comezara ao retornar de Arxentina. Uniuse á Irmandade da Fala da Coruña, comezou a colaborar no Conservatorio de Arte Galega e foi o promotor e primeiro mestre que tivo a Escola do Ensino Galego, galeguista e laica, dentro das Irmandades da Fala. Era a primeira escola que, entre 1926 e 1931, empregou o galego nas clases.

O primeiro terzo do século XX foi o momento álxido e de consolidación das vangardas artísticas e sociais en Europa, mais tamén a Galiza chegaban aires de cambio. Xente coma Castelao andaban daquela, a darlle un novo pulo, totalmente diferente, ao movemento galeguista, e Ánxel Casal foi unha das persoas que máis contribuíu a difundir as novidades da cambiante vida política e social galega, a través, primeiro da súa Editorial Lar, mais sobre todo coa editorial Nós. Da súa imprenta saíron A Nosa Terra e a Revista Nós, e, en 1930 o xornal republicano El Momento, que levaría a quebra á empresa editorial, por falta de apoios. Un ano após Casal marchou a Compostela, coa súa empresa ao lombo, e alí comezou nova vida, sobre todo política, chegando a ser elixido alcalde da cidade de febreiro ao 9 de xullo de 1936, cando dimitiu, con todos os concelleiros galeguistas, mais volveu de novo ao cargo ao se enterar do levantamento militar do 18 de xullo, para organizar a resistencia na cidade.

Antes do golpe de Estado, Ánxel Casal tiña traballado moito polo republicanismo, o sindicalismo, o galeguismo e o nacionalismo nacente. Naquela altura foi o vicepresidente do Comité executivo para o estatuto de Galiza, e traballou freneticamente pola súa aprobación, tanto que o 16 de Xullo tamén estaba no momento de entrega nas cortes do texto estatutario galego, aprobado o 28 de Xuño no país.

Detivérono na parroquia de Vilantime, en Arzúa e apareceu arrebolado nun foxo a carón da estrada de Cacheiras, xunto o corpo tamén sen vida de José Areosa Devesa.

No 2005 o Concello de Santiago de Compostela dedicou a ano enteiro a Ánxel Casal, con múltiplas actividades de lembranza dun dos seus alcaldes que máis contribuíu ao nacemento dunha conciencia galeguista entre os cidadáns galegos.

Da súa imprenta saíron follas voantes, panfletos e cartaces de loita e reivindicación para agraristas, galeguistas e republicanos antes e durante a ditadura de Primo de Rivera. Máis adiante, para toda a esquerda compostelá: sindicatos, federais, anarquistas, socialistas, mocidades galeguistas, comunistas... Foi, ademais, o primeiro en usar e normalizar a lingua galega na vida dun concello, e grazas a el constituíuse a Asociación de Escritores de Galiza, namentres lles daba cabida nas súas follas aos agora clásicos da nosa literatura e a orixinais de artistas coma Camilo Díaz Baliño, Cebreiro ou Méndez, que anovaron a edición gráfica galega.

Cultura