Venceredes, pero non convenceredes

Venceredes, pero non convenceredes
30 de Setembro, 2019 - 10:44 h. | Publicada por Radiofusión

Amenábar constrúe en “Mientras dure la guerra” unha ficción baseada en feitos históricos, a chegada a Salamanca das tropas sublevadas nos primeiros dias do golpe de estado e a posición de Miguel de Unamuno, daquela reitor vitalicio da Universidade, que tiña sido un recoñecido republicano, pero que apoiou publicamente a sublevación do Exercito. Finalmente se arrepinte e fai público ese arrepentimento no seu histórico discurso e o altercado con Millán-Astray o 12 de outubro de 1936,  “Día da Raza” no Paraninfo da Universidade. Esa é a sinopse da película de Amenábar que se estrea nos cines despois dun “silencioso” paso polo festival de San Sebastián.

Franco e Millán Astray

A verdade é que o material que nos presenta é delicado, moi delicado. Por iso eu recomendaría velo sen prexuízos de esquerdas- dereitas. Simplemente pensar que Unamuno representa a moitas persoas que, en situacións como esa, poderían actuar da mesma maneira (ser crítico, dubidar, castigar, dubidar, rectificar, condear...) O director busca no contraditorio do pensamento humano.
A tensión da película e a construción dos personaxes é máis que correcta, no meu entender. Tamén é de agradecer que Amenábar bote man de actores galegos como Santi Prego (Franco) ou Luís Zahera (Atilano). O actor catalán Eduard Fernández (Millán Astray) e o vasco Karra Elejalde (no papel de Unamuno) están inmensos. Quizás Amenábar atopou o equilibrio do filme na contraposición de dous personaxes: o peso humano en Unamuno e o peso da barbarie no personaxe de Millán-Astray. Amenábar declarou: “Intentei ser entendido por esquerdas e dereitas”. Haberá quen o entendese e quen non. Non queda outra que ver a película. E repasar a historia de España, a historia máis negra de España.

Seguro que che interesa
Cultura

Publica o teu comentario agora