A universidade contra o decreto 3+2

A universidade contra o decreto 3+2

12 de Abril, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

Os estudantes universitarios de Galicia demandarán este mércores a derrogación da LOMCE e do Decreto 3+2. Reducir os graos e ampliar os mestrados -con prezos moito máis caros- supoñería afondar no carácter clasista da educación. Queremos igualdade de oportunidades, afirman Erguer e o Sindicato de Estudiantes.

Os estudantes volven esta semana á rúa e á folga contra a Lomce e o Decreto 3+2. En Galicia, a organización Erguer -xurdida da confluencia de Comités, Liga Estudantil Galega e Agir- convoca paro e mobilizacións para o vindeiro día 13, unha xornada que o Sindicato de Estudantes estende tamén ao día 14, data na que este colectivo levará a cabo as manifestacións coincidindo coa convocatoria a nivel estatal.

En ambos os dous casos, o estudantado esixe a "derrogación completa" da polémica Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa e do Decreto 3+2, o que permite reducir a duración dos graos universitarios e aumentar os mestrados. Malia que o Congreso apoiou a pasada semana a paralización do calendario da Lomce, as organizacións convocantes insisten na súa eliminación total -ao igual que na Cámara Baixa formacións como Podemos, En Marea, En Comú Podemo ou IU e BNG e AGE a nivel galego-, máis aínda tendo en conta que tan só unha imprevisible formación de goberno impediría que se seguise aplicando mesmo no vindeiro curso e que a supresión das polémicas reválidas parece xa inviable.

"A nós non nos chega", aclaran desde Erguer, que aposta pola "completa eliminación" dunha Lomce que, lembran, "impón as reválidas, outro xeito máis de segregar o estudantado ao impoñer barreiras ao final de cada etapa educativa que limitan a obtención do título a unha única e azarosa proba". Para a organización galega, a lei Wert "afonda na recentralización de competencias educativas e na uniformización do ensino" e é "españolizadora, confesional, antipedagóxica, privatizadora, clasista e patriarcal", ademais de "afondar na falla de igualdade de oportunidades no ensino". E é, ademais, outro "ataque ao ensino" que "o PP leva practicando desde hai anos".

Sociedade