Unión da hostalaría, taxistas, autónomos e empregados

Unión da hostalaría, taxistas, autónomos e empregados
24 de Novembro, 2020 - 11:41 h. | Publicada por Radio Fene

A hostalaría e autónomos doutros sectores de Fene xúntanse para protestar e para reclamar os seus dereitos neste tempo no que, ou ben se ven obrigados a pechar os seus negocios, ou ben as perdas son alarmantes. É o caso das tres persoas que iniciaron a creación dunha plataforma no concello de Fene; Laura Pita (Cafetería Argos); Enrique García (Cafetería Fussion) e Luís López (taxista).

ESCOITA O PODCAST:
Enrique García (Fussion) Luis López (Luigi) e Laura Pico (Argos)

Intentan que pequenos empresarios e traballadores que pasen por unha situación insostible se unan á plataforma. A maneira de contactar de momento está na páxina de facebook: hostaleiros autónomos y empleados de Fene. “Que a xente fale con nós e dea ideas” clama Luís. De momento trátase de unirse, de dar visibilidade á nosa problemática.  

Falta de ingresos e necesidade de afrontar o pago de gastos e impostos. Mentres, as axudas non chegaron e a ver se chegan para todos, se preguntan. A cantidade é mínima e apuntan que máis que axudas deberan ser indemnizacións. “Ás débedas deste segundo peche súmanse as do confinamento da primavera”.
 
Hai empresas que se acolleron aos ERTES pero outras xa pecharon definitivamente. E aseguran que moitas xa non abrirán as portas cando isto pase. De 84 locais de hostalaría censados, non se sabe cantos se acolleron ao servizo a domicilio pero iso conleva manter os empregados en activo e probablemente non resulte rendible. “Non compensa”.

Quéixanse de que mentres o transporte e os centros comerciais seguen abertos e a xente tocando a froita nos supermercados, eles teñen que pechar. Parécelles incongruente. “Colgáronos o sambenito a certos colectivos e non é verdade que sexamos os culpables” E lembran a cultura como outro sector que está como eles.

O mundo do taxi non está mellor, afirma Luís López, desde que pecharon o ocio nocturno pero na rúa tampouco hai movemento. E iso que adoptaron medidas extremas de seguridade xa no primeiro confinamento.

Conclúen que, “ou confinan todo un mes con servizos mínimos para baixar os casos ou só coa hostalería non baixarán”. De momento eles queren reunir a todo o sector na plataforma para presionar xuntos á administración. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora