Unha fogueira en cada cimeterio

Unha fogueira en cada cimeterio
12 de Novembro, 2018 - 02:06 h. | Publicada por Radio Neria

A nosa imaxinación verá unha fogueira en cada cimeterio, como outros tantos clamores de xusticia. Pero no de Pontevedra verá unha labarada que chega até o ceo. Esta é a chama do esprito dun gran galego que non figura na Santa Compaña dos inmortais, porque non pertenece á historia, senón á tradición. Este é o lume do esprito de Alexandre Bóveda, estrela e bandeira do noso porvir.

Rosalía de Castro e Manuel Curros Enriquez

Ese é un fragmento do discurso “Alba de gloria” que Castelao pronunciou en Buenos Aires o 25 de xullo de 1948. O Consello da Cultura Galega organizou unha exposición coincidindo co setenta aniversario da citada peza. Na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela recrea en tres dimensións o discurso de Castelao no que el fala dos personaxes importantes na historia e na tradición de Galicia.

O historiador Miguel Anxo Seixas fala de reciprocidade. O pobo galego fíxolle xustiza a Castelao recoñecendoo como un dos grandes, como o galego que máis fixo por eles e por Galicia. Por iso xace na memoria dos galegos e descansa no Panteón de Galicia en Compostela.

A Santa Compaña e o mesmo Castelao aparecen en tres dimensións diante dos ollos da persoa visitante desta mostra. Ademais da recreación da época histórica na que se produciu, ofrécese moito material audiovisual e a reprodución dos personaxes citados por Castelao no citado discurso. Xa pasaran nove anos desde o remate da guerra civil e tres anos da finalización da Segunda Guerra Mundial. Castelao sabía que a dictadura de Franco non ia rematar en pouco tempo. Pese a iso, fai un discurso de futuro e de optimismo. Fala da alba de gloria.

Seguro que che interesa
Cultura

Publica o teu comentario agora