Un país eterno de primavera

Un país eterno de primavera
17 de Maio, 2019 - 05:46 h. | Publicada por Radio Oleiros

Moita xente atreveuse esta mañá a soñar "un país eterno de primavera" no que o uso do galego sexa normal. "A perda de falantes do noso idioma non é irreversible" insistiron desde a plataforma Queremos Galego.

Queremos Galego en Ferrol

Miles de persoas percorreron rúas de toda Galicia con motivo deste 17 de maio para defender a lingua propia e advertir ás administracións públicas que 'Máis que nunca, Queremos galego!'. A pesar do mal tempo, a plataforma en defensa do idioma connvocou 14 marchas para a xornada deste venres, Día das Letras Galegas, co obxectivo de estender aos diferentes municipios a tradicional manifestación que cada ano acolle a cidade de Compostela.

Precisamente, Santiago acolleu unha das mobilizacións principais do día, que estivo apoiada por numerosos representantes do panorama social e político, como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; Lidia Senra, de En Marea; ou Antón Sánchez, de Anova, entre outros.

A comitiva saíu da Alameda pasadas as 12.00 horas ao berro de 'Na Galiza, en galego', tras unha pancarta na que se lía 'Máis que nunca, Queremos galego!'. Sobre a mesma hora, a imaxe repetíase na Coruña, Ferrol, Carballo, Lugo, Burela, Monforte, Ourense, Pontevedra, Vigo, A Estrada, Cangas e Lalín.

A convocatoria da plataforma Queremos Galego, buscando estender a forza da mobilización a nivel comarcal e achegar as súas consignas aos municipios con motivo das próximas eleccións municipais, chega mesmo máis aló das fronteiras do país, ao celebrarse unha protesta de apoio no Ateneu Roig de Barcelona.

Na capital galega, centos de persoas percorreron as rúas nun ambiente lúdico e festivo e acompañadas dunha breve tregua das condicións climáticas, coreando consignas e portando pancartas de todo tipo para reivindicar o seu dereito a usar a lingua con normalidade no seu día a día.

A pesar de que estaba prevista a súa finalización no Toural, a organización decidiu trasladar o acto final á Praza de Praterías, ante a sede do Museo das Peregrinacións, debido á gran afluencia de simpatizantes que acudiron a apoiar a convocatoria e que superaron as expectativas da plataforma.

Alí, representantes de diversas entidades, como 'Defende a Galega', a CIG ou a asociación cultural 'O Galo', entre outras, deron lectura ao manifesto da protesta, que concluíu coa intervención do portavoz da plataforma, Marcos Maceira, e co canto do himno galego por parte de todos os manifestantes.

10 ANOS DE REIVINDICACIÓN

Ao comezo da marcha, o portavoz da Mesa e de Queremos Galego, Marcos Maceira, lembrou que se cumpren dez anos de acción desta entidade na que "a cidadanía demostrou coa súa vontade que se pode manter un galego vivo" e "rehabilitar a lingua", en contraposición a unha Administración "que está a ser absolutamente contraria" a estes intereses.

"Vímolo na campaña electoral", denunciou, na que "regresou a agresividade manifesta" cara á lingua coa esixencia da súa "prohibición para o acceso á función pública", o que iría en contra do Estatuto de Autonomía ao representar "o mesmo" que a "eliminación do dereito a ser atendidos en galego".

Nun contexto de eleccións municipais, Maceira lembrou as dificultades para levar unha vida con normalidade usando a lingua galega, en casos como o pago de taxas "porque os bancos non o permiten nas súas xestións", cun 1 por cento de seguros que se poden tramitar neste idioma, ou no ámbito da infancia, estando presente nun 0,6 por cento de xogos e xoguetes, ademais de na xustiza, na sanidade ou a educación.

"O problema é que temos que estar permanentemente mobilizándonos para que os éxitos conseguidos se manteñan", lamentou Maceira, quen advertiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que ten "dúas opcións: ou é leal a Galicia e por tanto ao galego, como factor de desenvolvemento económico e de cohesión social, ou é leal a Casado e a súa campaña de odio", sinalou.

"Nós estamos ao lado de Galicia, do galego, a democracia e os dereitos humanos. Sen liberdade, igualdade, e xustiza para o galego, a democracia neste país estará moi limitada".

"ESCRACHE" DO PP

portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou o "escrache que o PP de Feijóo lle vén facendo nos últimos anos á lingua galega", e que impide á sociedade poder usala "con normalidade" e con consecuencias "evidentes".

"Hoxe o galego é a única lingua de todo o Estado español que perde falantes", criticou Pontón, insistindo na ausencia deste idioma nos diarios en papel, nas matemáticas, a redución da edición ou a súa exclusión no 90% das escolas de infantil das cidades.

Por iso, esixiu "cambios a favor do idioma", pasando por derrogar "o decreto da vergoña" e avanzar "para ter galego nos medios públicos, en xustiza, nas escolas" e, en definitiva, cara a un futuro construído "sobre o orgullo de ter unha identidade".

Nesta liña, Lida Senra (En Marea) esixiu á Xunta "que deixe de pór paus nas rodas" e poña en marcha "políticas activas" para protexer os dereitos lingüísticos.

"Porque queremos desenvolver a nosa vida con total normalidade en galego todos os días do ano", insistiu, para reivindicar ademais ao Goberno central que "dun paso adiante" e expoña ás institucións europeas que o galego "sexa lingua oficial tamén no Parlamento europeo".

Tamén presente na marcha, o secretario do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu que Galicia conta cunha "riqueza" e unha "lingua fermosísima" que necesita que necesita ser defendida e promovida "todos os días", sobre todo nun momento no que "a extrema dereita supón un risco de recentralización" e un "ataque á diversidade".

"Hai moitas formas de celebrar o Día das Letras Galegas e hoxe estamos nas rúas de Santiago de Compostela dicindo que 'Queremos galego'".

Xunto a el, o deputado socialista Xaquín Fernández Leiceaga celebrou a "vitalidade" da cultura galega e animou a traballar para que "siga sendo vehículo de expresión para centos de miles de persoas no mundo".

Cultura

Publica o teu comentario agora