Un novo turismo

Un novo turismo
21 de Novembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

En tempos de pandemia o turismo debe reinventarse. Cobran de novo importancia os destinos máis próximos

ESCOITA O PODCAST:

“Fene é un lugar que paga a pena coñecer”. Son palabras da concelleira de Promoción Económica e Turismo de Fene. Ana Basoa quere facer de Fene un lugar de interese turístico e por iso programa a sinalización de lugares como o Camiño inglés ou unha ruta de arquitectura indiana. “O marisqueo e a gastronomía derivada do mar tamén teñen o listón moi alto na nosa localidade” afirma Basoa. Dentro desa ruta de arquitectura indiana, un punto de parada obrigatorio é a "Casa da Maleta" ou "Chalé do Adriano" segundo a técnica de Turismo Estefanía Purriños. 

No lugar da Vrea en Barallobre

Como a “Perla do Sur” denominouna o seu constructor, Antonio Fernández, unha vez retornado de Cuba a onde emigrou con 16 anos de idade. Volveu 18 anos despois para construir a súa singular casa, o cine Adriano, unha carpintería e un pequeño estaleiro de onde saíron os barcos Adriano I,II e III. Quen se achega á casa da maleta repara na cúpula miradoiro culminada coa figura do propio Adriano representado como o emigrante que foi. Desde alí divísase en dias claros a Torre de Hércules. Purriños adéntranos no interior da casa e descúbrenos as placas de mármore onde reza o lema: “El trabajo es mi Dios y el mundo mi tumba”. Na finca existiu un teixo xa desaparecido dividido en tres balconadas. "A xenerosidade da emigración no século XX foi crucial para o avance a modernización de Fene".

A concelleira Ana Basoa quere sacar proveito do paso do camiño inglés por Fene e que o pelegrín pare a coñecernos. “Que Fene sexa un punto de interese no mapa” afirma, antes de enumerar virtudes como a veciñanza acolledora, os productos da ría ou os espazos verdes nos que inclúe as praias. Na páxina fene.gal o concello ofrece información turística para toda a cidadanía.

 

(Na imaxe, de esquerda a dereita, Ana Basoa e Estefanía Purriños)

Cultura

Publica o teu comentario agora