Tras as máscaras ocúltanse moitas cousas

Segunda face é unha exposición de máscaras intervidas articamente.
25 de Outubro, 2020 - 07:00 h. | Publicada por Radio Fene

A exposición Segunda face amósase na libraría Biblos de Betanzos. 27 mulleres galegas e portuguesas expresan as súas inquedanzas sobre as teas que nos cubren a cara.

ESCOITA O PODCAST:

27 mulleres de Galiza e Portugal sumáronse ao proxecto Segunda face, unha exposición que ten as máscaras como base da expresión artística. A mostra itinerante, atópase nestes momentos na libraría Biblos de Betanzos. As novas restricións decretadas pola Covid19 impiden que a mostra viaxe a San Sadurniño onde estaba previsto recibila o dia 7 de novembro. A seguinte parada, se non hai novidade, será a cidade portuguesa de Porto. Todas estas artistas, galegas e portuguesas, impregnan de expre-sións artísticas uns lenzos que parecerían inusuais para a arte. Elas deseñan, pintan, gravan ou bordan sobre as teas. A artista coruñesa Inma Doval Porto é unha das impulsoras do proxecto xunto con Isabel Pintado e Renata Carneiro.

As máscaras textis elabóranse nos obradoiros das portuguesas Eliza Oliveira e Patricia Vasconcelos para pasar despois a mans das artistas que as interveñen. “A unión entre os dous países procurámola sempre porque temos moito en común” afirma Inma Doval. As máscaras, polo uso que terán, limitan a utilización de determinados materiais porque estes non poden ser tóxicos. Pintura, gravado, bordado son algunhas das técnicas utilizadas. “Hai unha máscara con alfileres, pero claro esa non pode utilizarse” indica Doval. A temática é moi variada dependendo da intervención de cada unha. “Hai contidos históricos, sensacións, como a perda de liberdade ou a opresión, hai textos…”

Segunda face persegue reflexionar sobre o uso da máscara ao longo da historia. Utilizacións históricas da máscara: ritual ou espiritual; ocultación do rostro no teatro; pintar a pel no circo; utilización no entroido ou outros usos de carácter antropolóxico e cultural; elemento de rebelión, loita ou desobediencia contra o sistema patriarcal, como se pon de manifesto nalgúns movementos feministas.Igualmente, reparan na cobertura da face da muller por cuestións relixiosas ou culturais, como é o caso do burka ou o niqab nalgunhas comunidades musulmanas, que provocan a invisibilidade da muller no espazo público. Asistimos nos últimos meses a un novo uso, preservar a saúde ante unha nova pandemia que veu ameazarnos en pleno século XXI.

Parte dos fondos recadados con Segunda face destínanse á Asociación Mirabal de Betanzos, que traballa con mulleres e menores vítimas de violencia machista.

 

(Na imaxe, a exposición Segunda face en Betanzos)

Cultura

Publica o teu comentario agora