Santiago acolleu a XV Conferencia Sectorial da Cultura

Santiago acolleu a XV Conferencia Sectorial da Cultura

22 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

A  ministra de Cultura Ángeles González-Sinde presidiu en Santiago de Compostela a XV reunión do Pleno da Conferencia Sectorial de Cultura no que se deron cita os diferentes conselleiros responsables deste apartado das Comunidades Autónomas. O conselleiro galego, Roberto Varela, aproveitou o acto para ofrecer a Cidade da Cultura como proxecto clave para a consecución de obxectivos en materia cultural entre a Xunta de Galicia e o Goberno de España.

Na conferencia informouse sobre asuntos como a preselección de candidaturas a Capital Europea da Cultura para o ano 2016 ou a declaración de patrimonio cultural inmaterial das cinco candidaturas españolas. Os avances do Grupo de traballo para a dixitalización das salas de exhibición cinematográfica e o Plan extraordinario de Dotación de Fondos Bibliográficos, foron outras das cuestións tratadas.

Por outra banda, anunciouse a posta en marcha do Plan Nacional de Conservación Preventiva e a creación dunha Unidade de xestión de Riscos sobre o Patrimonio Cultural. Asemade, presentáronse estudos sobre as industrias culturais e a xestión das infraestruturas, e aprobouse a creación dun Grupo de Traballo en relación co novo modelo de xestión destas infraestruturas.

O Pleno tamén aprobou os novos criterios para a designación dos representantes autonómicos nas comisións de valoración das convocatorias de axudas de 2011 e a renovación do cargo de Vicepresidente II da Conferencia, que lle corresponde en 2011 á Consellería da Comunidade Autónoma do Principado de Asturias.

Sociedade