Persecución do furtivismo na ría de Ferrol

Persecución do furtivismo na ría de Ferrol
27 de Marzo, 2024 - 11:20 h. | Publicada por Radio Fene

Comisados 167 quilos de vieira en Mugardos. Garda Civil e Gardacostas da Xunta sorprenderon nun operativo de vixilancia a un furtivo e un home que o axudaba en labores de vixilancia. Incautáronse do marisco e dos medios utilizados para a súa extracción. As vieiras foron sementadas na zona de extracción. 

Os feitos sucederon ao ter coñecemento da posible existencia de actividades de pesca ilegal na ría de Ferrol. No transcurso dun dos servizos coordinados de vixilancia da Patrulla de Protección da Natureza da Garda Civil e o Servizo de Gardacostas de Galicia na

zona de extracción de vieira, localizaron a un mergullador provisto de botellas de aire comprimido, na zona do Baño, en Mugardos, observando como fondeaba varios sacos de rede e despois saía da auga para dirixirse a un turismo estacionado nas proximidades. Tamén se decataron de que contaba coa colaboración doutro home que realizaba os labores de observador para verificar a posible vixilancia policial no camiño.

Unha vez iniciada a marcha, os axentes detiveron o vehículo e comprobaron a carga que transportaba, localizando no maleteiro tres botellas de mergullo e un traxe de neopreno. Ao mesmo tempo desde a embarcación do Servizo de Gardacostas, procedeuse ao izado dos sacos fondeados comprobando que estes contiñan vieiras, as cales acadaron un total de 167 quilogramos tras a súa pesada. Os axentes formularon as correspondentes denuncias por supostas infraccións moi graves á Lei 11/2008 de Pesca de Galicia e incautáronse das vieiras atopadas, así como dos medios utilizados para a súa extracción, botellas de mergullo, traxe de neopreno e sacos de rede.

Sociedade

Publica o teu comentario agora