Os sistemas públicos de sanidade son máis eficientes, segundo o cardiólogo Hixinio Beiras

Os sistemas públicos de sanidade son máis eficientes, segundo o cardiólogo Hixinio Beiras

06 de Abril, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

"Os modelos privados converten a saúde nun negocio, porque ao mercado non lle interesa que cambiemos os estilos de vida con hábitos máis saudabeis,interesámoslle enfermos" afirmou en Vigo o cardiólogo Hixinio Beiras, coautor do libro A sanidade non se vende.

45 minutos sobre Economía e Saúde fóronlle suficientes ao cardiólogo e impulsor da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Publica, Hixinio Beiras, para facer un percorrido histórico e analizar as principais ameazas dos sistemas sanitarios públicos. O que fora xefe de Gabinete da Consellería de Sanidade e coautor do libro A sanidade non se vende, denunciou unha deriva liberalizadora, pola que xa pasaron anteriormente outros servizos esenciais como o transporte, a telefonía ou a auga, que agora ameaza á sanidade. Convidado polo Departamento de Economía Aplicada á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo, Beiras defendeu os sistemas públicos, obxectivamente “máis eficientes”, fronte a modelos privados que converten a saúde nun negocio porque “ao mercado non lle interesa que cambiemos os estilos de vida, interesámoslle enfermos”.
Neste sentido, o médico vigués remarcou o papel que ten a ideoloxía no discurso privatizador, “porque cando se afirma que o privado é mellor que o público, que o público é ineficiente, un dispendio, lento e de mala calidade, non dan datos, venden ideoloxía”. Citou informes de expertos internacionais e, en concreto, á investigadora Beatriz Gonzalez Lopez-Valcarcel, para afirmar que “non hai ningún dato no mundo que demostre que un sistema de saúde privado é mellor ca un público; este só é mellor para quen o pode pagar pero non para a maioría da cidadanía, que se queda fóra do sistema”. Animou ao estudantado asistente, “dirixentes do futuro” a implicarse na loita pola defensa dos servizos esenciais como o de saúde, e remarcou que “a sanidade pública é probablemente o feito social máis relevante do século XX e a súa defensa constitúe unha obriga”.
Entre os motivos que sustentan a eficiencia do público fronte o privado, Beiras referiuse os gastos administrativos, que son menores, e á sobreutilización, que é maior canto máis mercado e fixo tamén fincapé en que a cobertura sanitaria universal contribúe a socializar os riscos, de xeito que “os sans exercen solidariedade cos enfermos, os novos con maiores e os traballadores cos que non teñen emprego”. Neste aspecto, lembrou que é precisamente a eficiencia social o principal obxectivo dun sistema de atención público e engadiu que aínda que o sanitario “é un sector de gasto e os seus efectos multiplicadores e de arrastre sobre a economía son limitados, xera emprego cualificado, contribúe á calidade de vida e á cohesión social e é un motor de investigación biomédica”.
Imaxe negativa interesada
O doutor Beiras Cal reflexionou tamén sobre a campaña de imaxe negativa que se tenta crear sobre os sistemas públicos e denunciou que se os medios de comunicación falan constantemente de despedimentos, listas de espera, copago, demoras, recortes, descapitalización tecnolóxica, privatización, perda de calidade, etc. “é para promover a contratación de seguros privados”, unha deriva “neoliberal” que trata de converter o que estaba sendo un dereito “nun ben de consumo”. O facultativo considera que non se trata dunha casualidade senón que existe “un deseño dende hai anos” que se estende por todo o mundo, exemplo do cal é o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, “unha concreción a escala local dunha iniciativa que está debatendo a escala global para liberalizar servizos públicos e facer deles un negocio”.
Esta liña privatizadora traducirase, segundo a Organización de Consumidores e Usuarios, na coexistencia de dous sistemas de atención sanitaria e de saúde, “un para os que teñan poder adquisitivo e poidan contratar seguros privados e outro para os demais”, co perigo engadido ao seu entender de que “un servizo de saúde para pobres é sempre un pobre servizo de saúde”. 
Do modelo Bismarck ao Beveridge... e volta atrás?
Beiras destacou que ademais do modelo de mercado puro, no que o cidadán paga a atención médica como calquera outro servizo, existen outros dous modelos principais: o Bismarck e o Beveridge. O sistema de saúde español arrancou no franquismo co primeiro modelo, no que os traballadores e as súa familias tiñan garantida unha atención sanitaria a través do pago cotas ,tanto por parte do traballador como da empresa. Pasouse co tempo ao modelo Beveridge, que universaliza a cobertura “para todos e ao longo da vida”, financiado con impostos e non con cotas, de modo que todo cidadán ten dereito á asistencia sanitaria. Pero semella que se inicia unha regresión e o cardiólogo alertou de que nos últimos anos estanse adoptando medidas que recordan ao primeiro, como por exemplo a eliminación da cobertura dos inmigrantes en situación irregular perdendo en equidade, solidariedade e universalización.
Sociedade