Os espectáculos de David Amor e O Sonoro Maxín

Os espectáculos de David Amor e O Sonoro Maxín
22 de Setembro, 2020 - 11:26 h. | Publicada por Radio Fene

A praza do alcalde Ramón Souto (Praza do Concello) será finalmente o escenario dos espectáculos de David Amor e O sonoro maxín incluídos no ciclo Cultura no Camiño 2020 que organiza o Concello de Fene. A Concellería de Cultura decidiu cambiar a ubicación prevista inicialmente para cumprir mellor co protocolo de seguridade á vez que ampliar o aforo e ofrecerlle a máis persoas a posibilidade de gozar dunha #culturasegura. O espectáculo de David Amor “Love está en el aire” terá lugar este venres 25 ás 22.00 horas e o concerto de O sonoro maxín “De navalla e cumbias”
o sábado 26 á mesma hora. As entradas para ámbalas dúas funcións está á disposición do público desde as nove desta mañá na páxina de  Ataquilla.com (https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/). As entradas serán de balde ate completar aforo (146 localidades en cada un dos espectáculos) pero cada persoa só poderá reservar un máximo de dous pases, rexistrando os datos das 2 persoas que acudirán ao mesmo.

David Amor. Love está en el aire

Dende Concellería de Cultura de Fene infórmase que, tanto para o monólogo de David Amor como para o concerto de O Sonoro Maxín, os espectadores poderán acceder ao recinto a partir das nove da noite. Recoméndase así mesmo presentarse no punto de control de acceso con tempo suficiente de antelación xa que a reserva de entradas perderá vixencia se non se está na fila de entrada 15 minutos antes do comezo dos espectáculos. A partir dese momento admitirase a entrada sen reserva, por orde de chegada e sempre que haxa aforo dispoñible. Por outro lado, infórmase de que, aos efectos da dar cumprimento aos protocolos de seguridade, os datos das persoas asistentes poderán ser verificados pola organización para o acceso aos recintos.

En canto ás medidas hixiénico-sanitarias implantadas, lémbrase que haberá un punto de desinfección de mans no acceso ao recinto. Ademais, o uso da máscara será obrigatorio durante todo o espectáculo e non se permitirá o acceso con comida, bebida ou obxectos que poidan ser considerados perigosos pola organización. Por último, o público permanecerá sentado en cadeiras individuais (non haberá para grupos de con-
vivintes) durante todo o espectáculo no lugar que lle asigne a organización e realizará a entrada e saída de xeito ordenado seguindo as instrucións da organización.

DAVID AMOR

“Love está en el aire” é o novo espectáculo do cómico e actor David Amor. Nel, o pontevedrés coas mans máis grandes fala das súas novas inquedanzas sen deixar de lado unha das súas últimas paixóns, os aeroportos. “David pensaba que non podería escribir un novo show se estaba todo o día vendo a tele.... Ou si!!! E é que hai programas que precisan ser contados”. Así nace “Love está en el aire”. 80 minutos onde percorrerás toda a parrilla televisiva sen tocar o mando, pero tamén descubrirás porque a xente pasa sede nun aeroporto ou porque David nunca poderá ser Rafa Nadal.

O SONORO MAXÍN
O Sonoro Maxín naceu no verán de 2007 a partir do reencontro de vellos amigos e coñecidos da música galega que formaban parte de proxectos diferentes como Lamatumbá, Cinnamon Gum, Mutenrohi e ThePigmalions. Estreáronse en Ourense, a súa cidade natal, o 20 de decembro daquel ano. A partir dese debut, percorreron durante os seguintes anos toda a xeografía galega con máis de 150 concertos nos que compartiron escenario con músicos como Manu Chao & Radio Bemba Sound System, Shantel& Bucovina Club Orkestra, Los Delinqüentes ou Tonino Carotone.
No seu último espectáculo, De navallas e cumbias, O Sonoro Maxín “comeza como unha tarazana, un camiño de ida e volta para compartir, a través da súa música, os momentos e os lugares nos que naceu, creceu e amou. Reclamando un espazo para poder bailar mellor. Reivindicando a música como unha arma de construción masiva. A pedra está amolando as nosas cancións, deixándoas ben xeitosas para partir polo medio a intolerancia que nos está a invadir”.

Cultura no camiño é un ciclo promovido pola AGADIC co patrocinio de Gadis, Marca Galicia, Xacobeo 2021 e Xunta de Galicia, coa colaboración do Concello de Fene.

Sociedade

Publica o teu comentario agora