O Plan de Residuos triplicará a reciclaxe e reducira á metade o lixo nos vertedoiros

O Plan de Residuos triplicará a reciclaxe e reducira á metade o lixo nos vertedoiros

13 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por

A aprobación do Plan de Residuos de Galicia, a extinción de 34 organizacións da Administración autonómica e a modificación do proxecto da plataforma loxística PLISÁN foron os asuntos máis destacados tratados no Consello da Xunta en San Caetano.

A Xunta vén de aprobar o novo Plan de Residuos de Galicia que ten como obxectivo lograr que a poboación galega produza no ano 2020 un 10% menos respecto dos 1,2 millóns de toneladas xeradas na actualidade. O titular da Xunta indicou que o Plan, que contará cun investimento de 500 millóns de euros, permitirá triplicar a reciclaxe e reducir á metade o lixo que se deposita nos vertedoiros. O Plan prevé oito novas plantas de transferencia, a introdución da compostaxe nos centros ambientais de Cerceda e do Morrazo, seis novas plantas de compostaxe, e un segundo complexo de tratamento de residuos urbanos no sur de Galicia.

Asemade, o Goberno galego anunciou a extinción definitiva de 34 fundacións comarcais, dentro do proceso de adelgazamento da Administración autonómica. Núñez Feijóo indicou que a extinción destes 34 organismos, dos 48 que prevé o Plan de Avaliación de Organismos Dependentes, suporá un aforro de 3 millóns de euros. O presidente asegurou que o Goberno galego xa leva aforrados 13 millóns, un 30% máis do previsto cando se presentou o Plan, e que este adelgazamento continuará ata a convocatoria de eleccións.

Por outra banda, o Consello da Xunta aprobou a modificación puntual do proxecto da plataforma loxística PLISÁN necesaria para o cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo. Deste xeito, excluiranse da plataforma 900.000 metros cadrados de solo non urbanizable de especial protección forestal, pasando dos 4,2 millóns de metros cadrados aos 3,1 millóns. Ademais de outorgar seguridade xurídica a este proxecto, a Xunta desbloqueou os accesos á plataforma, cun investimento de 20 millóns de euros na autovía que a enlazará coa A-52. 

Sociedade