O Parlamento Europeo pedirá unha investigación internacional dos sucesos de El Aaiun

O Parlamento Europeo pedirá unha investigación internacional dos sucesos de El Aaiun

24 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por

O Parlamento Europeo debaterá e votará mañá unha resolución acerca do Sáhara Occidental, a pesar dos esforzos de Marrocos para quitar o asunto da orde do día. A Cámara solicitará unha investigación internacional.

"Por unha vez as presións de Marrocos non triunfaron", dicía Raül Romeva, do grupo dos verdes. A resolución do Parlamento, non vinculante, votarase o xoves pero terá un importante valor simbólico, especialmente porque o Goberno marroquí lograra quitar da axenda desta semana a votación co acordo dos presidentes do Partido Popular Europeo (PPE), o francés Joseph Daul, e do Partido Socialista Europeo, o alemán Martin Schulz, aínda que non da maioría dos eurodeputados españois dos seus bloques. En principio, a sesión quedouse nun debate, sen votacións, á espera de que o ministro de Exteriores marroquí acudise á comisión de Exteriores da Eurocámara o 1 de decembro.

Aínda que o proxecto de resolución común condena a violencia no campamento de Gdeim Izik, evita críticas directas a Marrocos. Trátase dunha versión máis suave das críticas que expuñan de entrada grupos como o Liberal, o da Esquerda Unitaria ou o Partido Popular Europeo, que en distintos termos censuraban a actuación de Rabat.

Algúns grupos, como o Socialista, defendían un texto menos crítico coas autoridades marroquís, que nos últimos días desenvolveron unha importante campaña para tratar de frear unha posible condena por parte da Eurocámara.

A eurodeputada socialista María Muñiz destacou "o esforzo dos eurodeputados socialistas españois que dialogou con marroquís e saharauís e con todos os grupos políticos para lograr a esta resolución fose equilibrada para todas as partes implicadas".

O documento expresa a "preocupación" do Parlamento pola "deterioración significativa da situación no Sahara Occidental" e "condena con dureza os incidentes violentos rexistrados no campamento".

Ademais, "deplora a perda de vidas", "chama a todas as partes a manter a calma e evitar máis violencia" e "lamenta os ataques contra a liberdade de prensa e información que sufriron moitos xornalistas europeos".

Neste sentido, "demanda ao Reino de Marrocos que permita libre acceso e movemento no Sahara Occidental á prensa, os observadores independentes e as organizacións humanitarias".

Os eurodeputados toman nota ademais da apertura dunha investigación sobre os sucesos por parte das autoridades marroquís, pero consideran que as Nacións Unidas "serían a instancia máis adecuada para desenvolver unha investigación independente internacional co fin de esclarecer os feitos, as mortes e as desaparicións".

Sociedade