O galeón de Ribadeo

O galeón de Ribadeo
10 de Novembro, 2019 - 11:00 h. | Publicada por Radio Burela

A Armada levou a cabo en abril do 2019 unha inmersión de recoñecemento acompañando ao arqueólogo submarino Miguel  San Claudio, co obxectivo de comprobar o estado dos restos do Galeón de Ribadeo. A importancia deste galeón radica na súa singularidade e no seu excepcional estado de conservación. Non hai outro igual, non coñecemos ningún galeón español de guerra do séuclo XVI no mundo, segundo San Claudio.  

Maqueta do galeón "Soberano dos mares". Casa da Cultura de Fene

O galeón de Ribadeo, O San Giacomo di Galizia, tiña 34 metros de eslora cunha capacidade de carga de 1.200 toneladas e un cento de tripulantes.  Para traslado de tropas podía levar trescentas persoas máis. O San Giacomo afundiuse en Ribadeo o 13 de novembro de 1597. A tripulación e a tropa desembarcou auxiliada pola poboación da zona. O barco fora construido con carballo das inmediacións de Vesubio en Italia en 1590.

Mergulladores da Armada Española, pertencentes á Unidade de Mergullo de Ferrol (UBUFER), en coordinación co Servizo Arqueolóxico da Xunta de Galicia e un equipo internacional de arqueólogos, realizaron unha campaña de dúas semanas en augas da Ría de Ribadeo, para levar a cabo unha profunda investigación sobre os restos do pecio San Giacomo dei Galizia coñecido como Galeón de Ribadeo.

O equipo de mergulladores da UBUFER, conforme ao Plan de Protección e Vixilancia do Patrimonio Arqueolóxico Mergullado da Armada, en coordinación co Servizo Arqueolóxico da Xunta, achegou un equipo de mergulladores e diverso material para colaborar nas tarefas de procura e localización dos restos mergullados.

O proxecto está financiado pola Xunta de Galicia e dirixido polo arqueólogo Submarino e doutor Miguel San Claudio Santa Cruz, o cal dirixe un equipo de arqueólogos de diferentes nacionalidades e especialidades, entre os que se atopa a doutora Ana Crespo Solaina, pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Cultura