Nova biblioteca en Mugardos

Nova biblioteca en Mugardos
27 de Xaneiro, 2021 - 12:31 h. | Publicada por Radio Fene

Mugardos impulsa a creación da nova biblioteca municipal. A concellería de Urbanismo ven de encargar o anteproxecto que ten un custo de 12.000 euros.

A Concellaría mugardesa de Urbanismo encargou o anteproxecto da nova biblioteca pública que estará situada na Avenida de Galicia, co obxectivo de definir as necesidades, custos aproximados e prazos de execución da nova instalación cultural municipal. O anteproxecto financiarase integramente con fondos municipais e terá un custo aproximado de 12.000 euros. Este documento terá en conta, en primeiro lugar, as achegas técnicas que están a realizar tanto desde o departamento de cultura como desde o departamento de urbanismo, xa que a nova localización obriga a respectar as características especiais e existe a necesidade de adaptar a súa normativa urbanística específica e as especificidades da localización.

O prazo para a elaboración deste anteproxecto é de aproximadamente dous meses, e tras a súa finalización, o goberno municipal abrirá un procedemento de participación cidadá para dar voz a todos os colectivos que desexen coñecer o anteproxecto así como realizar as súas propostas. "Estamos a iniciar un proceso moi emocionante xa que a nova biblioteca municipal é unha reivindicación histórica da sociedade mugardesa. Máis pronto que tarde, a nova biblioteca vai ser unha realidade feita conxuntamente polo concello, o texido asociativo e os mugardeses e mugardesas" explicou o alcalde, Juan Domingo de Deus.

(Imaxe do inmoble que albergará a nova biblioteca, na Avenida de Galiza)

Cultura

Publica o teu comentario agora