Normas para visitar o cemiterio en Defuntos

Concello e AVV de Perlío tamén acordaron onte suspender o mercadillo
23 de Outubro, 2020 - 12:40 h. | Publicada por

O Concello de Fene adapta á actual situación o dispositivo especial de Defuntos do cemiterio municipal. Nos días previos a Santos, a actividade no cemiterio municipal de Barallobre intensifícase con centos de persoas que acoden ás instalacións para adecentar nichos, deixar flores e, en definitiva, honrar aos seus familiares defuntos. Na actual situación, a alcaldía de Fene acaba de publicar un bando no que se trasladan ao dispositivo habitual as novas medidas preventivas publicadas no DOG, que estarán en vigor polo menos durante as próximas dúas semanas. O Concello e maila AVV de Perlío tamén acordaron suspender o mercadillo deste domingo.

O bando municipal sobre o funcionamento do cemiterio de cara a Defuntos pide a implicación e o compromiso da veciñanza no cumprimento do plan de continxencia fronte á COVID-19 deseñado polo Concello e, nomeadamente, recorda a obriga de non acudir ás instalacións se se teñen síntomas ou se se tivo contacto con casos sospeitosos ou positivos. No caso de que se note algún síntoma coincidente cos da enfermidade unha vez se estea dentro do cemiterio, haberá que informar ao persoal ou aos membros do dispositivo de seguridade. Tamén se insiste na obrigatoriedade do uso da máscara e da hixiene de mans, así como na observancia das instrucións do persoal municipal ao cargo das instalacións, reflectida ademais en carteis informativos dispostos no acceso ao recinto. Neste sentido, establécese un horario preferente para persoas maiores de 60 anos entre as 10 e as 12.00h. e entre as 15 e as 17.00h. e lánzase a recomendación xeral de non ir ao cemiterio nos días en que se prevé maior afluencia, senón que as visitas "sexan graduadas" para evitar aglomeracións que incrementen o risco de contaxios. Por iso tamén se aconsella que as persoas maiores de 75 anos, as que pertenzan a grupos de risco ou quen non poida usar a máscara por razóns médicas, eviten a asistencia os días 30 e 31 de outubro e 1 e 2 de novembro.

Acceso ao recinto

O Concello regulará os accesos e o funcionamento das instalacións con apoio da Policía Local, Protección Civil e a Garda Civil. A entrada de vehículos estará prohibida e, polo tanto, todos os coches deberán estacionarse nas prazas habilitadas no exterior. O acceso ha de facerse a pé e, preferentemente, de maneira individual -salvo persoas que precisen axuda-. En cumprimento da normativa en vigor, os grupos non poderán ser maiores de 5 persoas, sexan ou non convivintes.

No interior do recinto

Dentro do camposanto deberase circular sempre pola marxe dereita das sendas peonís -segundo o sentido da marcha-, evitar aglomeracións e manter sempre a separación interpersoal de 1,5 metros. De novo recórdase a prohibición de xuntárense máis de 5 persoas, vivan ou non no mesmo domicilio. Outra recomendación importante é a de non permanecer máis de 30 minutos no cemiterio. Durante a estadía evitarase tocar ou manipular elementos comúns, razón pola que non estarán abertos os aseos. Tampouco se emprestará material para a limpeza de nichos, como son as xerras, caldeiros, escadas, panos e vasoiras. Cadaquén ha de levar o que precise e aconséllase non compartir eses utensilios necesarios para o adecentamento dos panteóns.

Horarios ampliados e transporte.

O cemiterio municipal ampliará os seus horarios nas datas centrais de Todos os Santos e Defuntos. Os días 30 e 31 de outubro permanecerá aberto entre as 10 e as 19.00h. O domingo 1 de novembro abrirá desde as 8.00h. até as 21.00h. e o luns día 2 -Defuntos- poderá acudirse ao cemiterio entre as 9 e as 20.00h. sábado 31 de outubro, o domingo 1 e o luns 2 haberá servizo de transporte de tarde con saída do posto da Garda Civil ás 16.00h. e regreso do cemiterio ás 18.00. O domingo e luns tamén haberá servizo pola mañá con saída ás 10.00h. do mesmo punto e volta do cemiterio ás 12.00h.

Suspéndese o mercadillo deste domingo 

En relación coas medidas preventivas da COVID-19, o Concello e maila AVV de Perlío tamén acordaron onte a suspensión do tradicional mercadillo dos segundos e cuartos domingos de mes que tocaría celebrar esta fin de semana. Tal e como informa a Concellaría de Seguridade a decisión adoptouse ante a imposibilidade de redistribuír o espazo e de garantir o cumprimento do distanciamento social esixido na normativa publicada pola Xunta na medianoite do mércores ao xoves. Para a seguinte cita, prevista para o 8 de novembro, agardarase a coñecer a evolución da situación sanitaria e, sobre todo, a normativa autonómica ou estatal que estea en vigor nese momento.

(Imaxe do cemiterio municipal do Campo da Arca en Barallobre- Fene)

Institucional

Publica o teu comentario agora