Móllate polo galego!

Móllate polo galego!

22 de Setembro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Máis de 100 persoas participaron esta tarde na xornada "Móllate polo galego" celebrada na praia de Tanxil e organizada pola plataforma Vitaminas para o galego e máis polo Concello da localidade. Xentes de todas as idades e practicantes de parapente e de windsurf déronse cita nunha actividade convocada para apelar á cidadanía sobre a necesidade de poñer en valor e utilizar o noso idioma. Entre eles atopábase o alcalde de Rianx

Xa están repartidas as camisolas da campaña de sensibilización que patrocina o Concello de Rianxo titulada "Móllate polo galego". Trátase dun concurso fotográfico para animar aos mozos e a todos aqueles que así o queiran, a reflexionar sobre a importancia do idioma propio. Na praia de Tanxil foise xuntando xente interesada nesta iniciativa e incluso algunhas afoutas mulleres e valentes homes pegáronse o último baño do verán coa camisola co lema da campaña.
As fotos remitidas teñen que ser orixinales e incluír o lema Móllate polo galego  ou algunha variación. Hai de prazo ata o 29 de setembro para enviar as fotos a  mollate@vitaminasparaogalego.gl.

Premios para as tres mellores fotografías

Unha noite de aloxamento na casa rural A Pousadoira, de Callobre, en Miño (A Coruña) é o primeiro premio, unha oportunidade excepcional para achegarse ás impresionantes Fragas do Eume.  O segundo premio é unha 'tablet', unha doación de Informática Castelao. O terceiro premio é cortesía do restaurante O Furancho de Rianxo, e consiste nunha cea para dúas persoas.

Quen son as Vitaminas?

Vitaminas para o Galego, impulsada dende un inicio por Galicia Confidencial, Tempos Novos, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Val Miñor.info e Quepasanacosta, conta xa con 25 medios asociados, pois as devanditas cabeceiras se lles uniron con posterioridade Certo xornal dixital de Barbanza e Noia, Osil.info de Valdeorras, Crónica3 da Mariña Lucense, Radio Nordés (Cadena Ser Costa da Morte), Terra Chá.Xa, Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), a revista de surf SurfGZ, Cadernos de Comunicación e Análise; O periódico de Lalín e Comarca; Hermes e Atenea, xornal en galego de deporte e cultura; Disquecool, o medio de tendencias made in Galicia; o xornal De Luns a Venres; Cabozo, a rede social galega; a rede de blogues Vencello; Cartafol, a revista multimedia para Ipad; A Nova Peneira, o xornal Compás da Costa; o programa radiofónico Plástico Elástico e os mensuais Gaceta de Fene e Cerne, xornal da terra de Melide.

O obxectivo global da campaña, comezada a principios de ano, é “sensibilizar sobre a necesidade de que haxa medios de comunicación en galego para garantir a transmisión interxeracional”, ademais da “procura de recursos económicos para axudar á supervivencia dos medios”.

Toda a información en Vitaminasparaogalego.gl

Sociedade