Lembrando a Xabier P. Docampo

Lembrando a Xabier P. Docampo
17 de Outubro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

Xabier P. Docampo naceu en Rábade en 1946. Mestre, escritor, contacontos, actor de teatro, guionista e, sobre todo, promotor e defensor da lingua e cultura galegas.

ESCOITA O PODCAST:
Xabier P. Docampo en Radio Fusion

Comezou a súa andaina no mundo da narración dende pequeno, xa que na súa casa houbo unha presencia moi continua de literatura oral. En palabras do escritor, o seu pai era un gran contacontos e isto foi o que fixo que a palabra o “habitase”.

Docampo, xunto con outros autores como Agustín Fernández Paz, estivo ligado ao despegue da literatura infantil e xuvenil en galego. O escritor explicaba nunha entrevista que cando se aprobou a Lei de Normalización Lingüística atopáronse sen obras ás que acudir, polo que tiveron que poñerse a escribilas. Así o contaba Xabier P. Docampo.

Sinalaba ademais a gran calidade destes escritos, xa que sempre que se presentaban a algún certame no que se admitían obras nas catro linguas cooficiais, resultaban gañadoras. Son moitos os autores galegos que foron premiados e recoñecidos a nivel nacional. Non obstante, o emprego da nosa lingua de xeito habitual non avanzou á par. Docampo culpaba á ruptura da transmisión e ás pantasmas como a da imposición do galego, que aínda hoxe seguen a difundirse falsamente.

Xabier P. Docampo destacou pola súa prolífica obra literaria, tanto individual como colectiva. O escritor recibiu o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil en 1995 pola súa obra “Cando petan na porta pola noite”, un conxunto de relatos de medo coma os que contaba seu pai cando era pequeno. Ademais, no 2008 comezaba a rodaxe da adaptación ao cine da súa novela “A casa da luz” dirixida por Carlos Amil. Docampo escribira a novela xa inicialmente como un guión que lle encargaran, pero como o proxecto non avanzaba, decidiu transformalo en novela. O escritor indicaba que a el a película non o podía defraudar en comparación coa novela.

Firme defensor da lingua e da cultura galega, como educador estivo sempre vencellado ao movemento pola renovación pedagóxica, especialmente á Nova Escola Galega. A súa mensaxe foi clara: A lingua é nosa. O escritor falecía hai pouco máis de dous anos na súa residencia da Coruña, con 72. Hoxe quédanos a súa obra para lembrar as súas verbas.

 

Cultura

Publica o teu comentario agora