Descalciña pola area

Descalciña pola area

05 de Outubro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

A lingua galega tamén vai descalciña pola area e necesita de protección, agarimo e coidado. Esa é a mensaxe da fotografía de Victor Ramón Piñeiro Tubío, que resultou gañadora do certame "Móllate polo galego". A lingua vólvese Rianxeira.

A deliberación non foi doada por parte do xurado, integrado por tres membros de tres dos 25 medios de "Vitaminas para o galego". Entre as 87 imaxes que participaban hai auténticas xoias, ben polo motivo escollido, ben polo esforzo creativo que supuxeron. Ao ser unha campaña patrocinada polo Concello de Rianxo, boa parte das fotos escolleron como motivo esta vila, significada en toda Galicia por escritores e intelectuais senlleiros como Manuel Antonio, Castelao ou Rafael Dieste, así como pola aposta continua do seu pobo pola lingua propia de Galicia.

 

Así quedou a resolución final:

PRIMEIRO PREMIO

Descalciña pola area. O xurado escolleu esta foto polo gran simbolismo que contén. O título da foto é unha frase de todo un himno de celebración, "A Rianxeira", e tamén quere amosar o compromiso da vila de Rianxo pola lingua galega, que aínda hoxe anda "descalciña pola area", polo que hai que mimala e coidala.

Víctor Ramón Piñeiro Tubío, autor desta imaxe, ten dereito a unha noite de aloxamento para dúas persoas na data a escoller deste mes de outubro na casa de turismo rural e agricultura ecolóxica A Pousadoira (http://www.pousadoira.com)

SEGUNDO PREMIO

No Brea Segade mollámonos polo galego. O xurado escolle esta foto pola creatividade e simpatía amosadas, así como polo esforzo demostrado ao rodear o lema central da campaña "Móllate polo galego" de material didáctico na lingua de Rosalía.

Os autores ou autoras desta imaxe teñen dereito a unha tablet doada pola academia de informática Castelao (http://www.infocastelao.es)

TERCEIRO PREMIO

Azulexos na entrada de Rianxo. O xurado escolle esta imaxe pola evidente denuncia que se fai dunha situación que non se deu corrixido en décadas, a pesares da Lei de Toponimia ou mesmo da de Memoria Histórica.

A autora ou autor desta imaxe ten dereito a unha cea para dúas persoas no restaurante O Furancho de Rianxo, situado Tras da Igrexa.

Os medios de Vitaminas para o galego agradecen, unha vez máis, o patrocinio do Concello de Rianxo para esta campaña, así como a colaboración de A Pousadoira, Informática Castelao e O Furancho. Tamén queremos salientar a alta participación de concursantes, aos que felicitamos polo seu inxenio e pola promoción tan destacada da vila de Rianxo e das súas belezas.

Sociedade