Crónica dun desastre anunciado

A auga do río Eume require de análise de metais pesados e hidrocarburos
22 de Outubro, 2020 - 10:16 h. | Publicada por Radio Fene

O deputado nacionalista Ramón Fernández Alfonzo defende que a Xunta actúe con transparencia e rigor diante nun problema que ven de vello, os malos usos de Endesa co rio Eume.

ESCOITA O PODCAST:

Demanda a creación dunha comisión para investigar que pasou nas residencias de maiores en Galicia; defende a volta á construcción civil en Navantia para garantir a viabilidade do estaleiro; reclama a realización de análises de metais pesados e hidrocarburos no encoro tras a crise da potabilidade da auga do rio Eume. Tamén defende que a Consellería de Pesca realice un estudo das causas da redución da produción de ameixa na ría de Ferrol a un 10% do que tiña hai cinco anos. A Covid19, Navantia, o marisqueo na ría ou o río Eume e Endesa centran a conversa que mantivemos co deputado do BNG no parlamento galego, Ramón (Mon) Fernández Alfonzo.

A crise da Covid19

Mon Fernández evita criticar as restricións decretadas pola Xunta de Galicia ante a Covid porque di que a situación volve a descontrolarse. Incide en dous aspectos, na investigación sobre o que pasou nas residencias de maiores e nas máscaras gratuítas nas escolas e nas empresa porque para moitas familias supón un gasto inasumible.

Navantia.

É claro á hora de dicir que a viabilidade do estaleiro está en xogo desde sempre. “Ningunha outra empresa podería soportar os números vermellos se non é porque é afecta á Defensa nacional”. Para o deputado nacionalista o futuro do naval pasa pola construción naval civil. “Astano ten que ser algo mais que un taller de jakets”. A responsabilidade é de quen ocupa postos en Navantia, SEPI e na Xunta de Galicia.

Marisqueo

Diante da reducción drástica na produción de ameixa na ría de Ferrol, Fernández aposta polo mesmo que demandan os traballadores do sector, a realización dun estudo que, segundo as súas palabras, corresponde facer en primeira instancia á Consellería de Pesca que debe liderar a mesa para buscar solucións.

A auga que leva o río Eume

Mon Fernández titula a crise da turbidez da auga do Eume co-mo unha novela de Gabriel García Márquez, “Crónica dun desastre anunciado”. Afirma o deputado do BNG que os malos usos de Endesa veñen de vello como concesionaria. Denuncia o incumprimento de Endesa ao longo dos anos de dragar periodicamente o encoro e pensa que a redución da cota de auga no encoro provocou as verteduras actuais. De entrada reclama unha análise seria dos sedimentos do encoro que poden ter a súa orixe na actividade mineira das Pontes. Análise de hidrocarburos e metais pesados. “Non é suficiente a potabilidade e o osíxeno. Falta o estudo de materiais tóxicos”, aclara. Sobre a constitución da comisión a instancias da Xunta de Galicia, Fernández Alfonzo opina que a Xunta quere facer de xuíz cando o seu papel ten que ser de fiscal. A Xunta anunciou un millón e medio de euros para transformar a estación depuradora de Pontedeume. O deputado nacionalista reclama ademais dar unha solución aos lodos do encoro porque senón a situación pode volver a repetirse. “Falamos de saúde pública e de protección do medioambiente, das fragas e da ría”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora