Corrubedo no Dia Europeo dos Parques Naturais

Corrubedo no Dia Europeo dos Parques Naturais

21 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

Con motivo da celebración, o vindeiro martes, 24 de maio, do Día Europeo dos Parques Naturais, a Consellería do Medio Rural programou diversos actos nos diferentes espazos protexidos de Galicia. A meirande parte das actividades están orientadas cara ao público infantil, coa fin de darlles a coñecer a riqueza natural da nosa Comunidade Autónoma e conciencialos sobre a importancia da súa protección e conservación, tanto desde o punto d

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural organiza anualmente actividades con motivo desta efeméride e anima á participación cidadá nestes actos, que buscan, ademais de divulgar o acontecemento en si, dar a coñecer as áreas protexidas da nosa Comunidade, a súa riqueza ambiental e a relevancia que teñen para o conxunto da sociedade galega.

Co lema deste ano, “Natureza sen fronteiras”, quérese transmitir que o concepto de espazo protexido como lugar illado das “agresións” externas quedou obsoleto. A xestión destas zonas require coordinación e colaboración nos ámbitos local, rexional, nacional e internacional, e é preciso o desenvolvemento de redes de conservación e de corredores biolóxicos.

Rede galega de Parques
A Rede de Parques de Galicia está composta por seis parques naturais: A Serra da Enciña da Lastra, Monte Aloia, O Invernadeiro, o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, Fragas do Eume e o Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán; e un parque nacional, o Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Entre as actividades previstas para o vindeiro martes, no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia realizarase unha ruta adaptada coa Asociación Solidarios Anónimos, de Vigo, na que participará un grupo de 30 persoas con discapacidade intelectual, xunto cos seus monitores. Visitarán o arquipélago de Cíes.

Ao tempo, medio cento de alumnos de segundo curso da ESO do IES Arzúa (A Coruña), de entre 13 e 14 anos, acompañados por 3 dos seus profesores, farán unha ruta guiada polo Parque, con apoio da Gardería Ambiental.

No Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán programáronse tamén diferentes actos, especialmente dirixidos aos máis novos. Así, alumnos do IES Saturnino Montojo de Ferrol realizarán unha visita guiada polo parque. Impartiráselles unha charla no Centro de Recepción sobre a importancia dos parques naturais e o de Corrubedo en particular, como exemplo de conservación, uso público e valores naturais, ilustrada cun vídeo sobre este espazo protexido. A continuación, percorrerán unha exposición sobre a composición dos ecosistemas do Parque, como representativos da biodiversidade de flora e fauna das zonas litorais de Galicia.

A visita deste colectivo de estudantes completarase cunha ruta guiada polo propio Parque Natural, que lles permitirá un achegamento ao medio de xeito interactivo, deténdose en diferentes paradas interpretativas.

No Parque das Fragas do Eume haberá visitas guiadas para escolares e realizaranse diversas presentacións audiovisuais sobre este espazo natural no Centro de Interpretación, nas que se fará fincapé no exemplo salientable que constitúe en canto á conservación da biodiversidade. Participarán alumnos dos IES Fontexería, de Muros e Fraga do Eume, de Pontedeume, ambos da provincia da Coruña.

Por outra banda, está previsto que máis de un cento de rapaces e profesores de varios centros educativos da zona de influencia do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés se acheguen ata o Parque das Illas Atlánticas nunha excursión organizada por Medio Rural que lles permitirá viaxar en barco desde Vigo ata as Cíes, para coñecer a riqueza natural deste arquipélago. Serán alumnos de diferentes colexios dos concellos ourensáns de Lobios, Calvos de Randín e Bande.

Primeiros parques europeos
Desde 1999 celébrase o Día Europeo dos Parques, no que se conmemora a “Declaración de Suecia”, o 24 de maio de 1909, dos primeiros parques nacionais do Vello Continente. Esta celebración está promovida pola Federación Europarc, organización creada en 1973 e que reúne ás institucións dedicadas á conservación da natureza e os espazos protexidos en 38 países europeos.

Sociedade