A conselleira de Traballo sospeitosa de dar a dedo traballos a persoas relacionadas na Operación Orquestra

A conselleira de Traballo sospeitosa de dar a dedo traballos a persoas relacionadas na Operación Orquestra

17 de Xuño, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

As sospeitas sobre tráfico de influencias tamén atinxen á conselleira de Traballo, Beatriz Mato. Segundo o sumario da Operación Orquestra contra a corrupción en concellos da Costa da Morte, o alcalde de Fisterra tería reclamado a intercesión de Mato para buscarlle un posto de traballo fixo no xeriátrico de Vimianzo á moza de Daniel Ogando fillo.

Este construtor é un dos imputados na proceso que segue aberto por múltiples delitos relacionados co suborno e a prevaricación. Dous días despois desas chamadas, a noiva de Ogando conseguiu o posto. Requirida ao respecto, Mato asegurara que "non recorda" ter mantido contacto telefónico co alcalde de Fisterra con ese propósito. Nesta xornada, a deputada socialista Marisol Soneira, demandaba unha explicación máis polo miúdo de calquera relación que a conselleira puidera ter coa trama, acusando aos populares de evitar calquera aclaración. 

Para replicar a Soneira, a secretaria xeral da Consellaría de Traballo, Cristina Ortiz, ensinou no Parlamento unha bolsa chea de documentos que, segundo declarou, recollían peticións dun posto de traballo, currículos e cartas de recomendación, atopados no despacho do titular do departamento durante o Goberno bipartito, o socialista Ricardo Varela. "Isto son probas, e na Operación Orquestra non hai ningunha que sinale á Conselleira", manifestou Ortiz.

Institucional