Castros de Neixón: Declarado BIC con categoría de zona arqueolóxica

Castros de Neixón: Declarado BIC con categoría de zona arqueolóxica

30 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

O Diario Oficial de Galicia  acaba de facer público o acordo do Consello da Xunta de Galicia do pasado 19 de maio polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, a área dos castros de Neixón, no termo municipal de Boiro, provincia de A Coruña. A declaración como BIC desta zona, que inclúe o Castro Grande, o Castro Pequeno de Neixón e a paraxe natural na que se localizan, fundaméntase nos seus e

A delimitación da zona arqueolóxica alcanza a dous ámbitos definidos: área de protección integral e contorno de protección. Deste xeito, a área de protección integral abrangue os dous xacementos castrexos, Castro Pequeno e Castro Grande e os espazos anexos inmediatos, coincidindo os seus límites cos da unidade fisiográfica da península de Neixón. Pola súa banda, o contorno de protección é o espazo que dá soporte ambiental á área de protección integral e constitúe un ámbito físico cuxa alteración podería afectar negativamente aos seus valores, estudo e contemplación. Neste ámbito constátase e presúmese a existencia de materiais e/ou restos arqueolóxicos

A declaración de ben de interese cultural coa categoría de zona arqueolóxica abrangue a totalidade dos rexistros arqueolóxicos vinculados aos xacementos do Castro Grande e Castro Pequeno de Neixón, incluíndo os bens inmobles, mobles e as evidencias materiais de carácter arqueolóxico e paleoambientais existentes na superficie, subsolo e baixo as augas. O ámbito que comprende a declaración aprobada hoxe polo Consello da Xunta une ao extraordinario valor patrimonial dos castros de Neixón o singular interese paisaxístico da paraxe natural na que se localizan. Así mesmo, a situación dos xacementos sobre unha pequena península ao fondo da ría de Arousa responde a un tipo de localización característica dos castros costeiros do noroeste.

O ámbito delimitado como contorno de protección engade ao conxunto arqueolóxico a paraxe natural á que está indisolublemente unido por constituír parte da súa paisaxe cultural, incorporando ademais un sector baixo as augas interiores. Ademais, este ámbito destaca polo seu excepcional valor ambiental, respondendo ao arquetipo da paisaxe rural costeira, que conserva excepcionalmente a parcelación tradicional e un pequeno bosque autóctono na ribeira da praia de Lóbrigo, engadíndolle valor patrimonial ao conxunto arquitectónico formado polo pazo, pombal e hórreo de Ribademar.

Valor patrimonial único
O carácter paradigmático dos dous xacementos, que abranguen cronoloxicamente e de xeito continuado a totalidade da cultura castrexa do noroeste peninsular, confírelle ao conxunto un valor patrimonial único. Ademais, pola cantidade e calidade da información arqueolóxica que proporcionaron no pasado e seguen a proporcionar na actualidade, estes xacementos constitúen un referente fundamental para o coñecemento da protohistoria de Galicia. O seu destacado interese histórico vén determinado porque esta área arqueolóxica comprende dous dos asentamentos castrexos máis representativos da evolución destas comunidades desde a transición Bronce Final-Ferro I ata a época tardorromana.

Na área máis próxima a terra, o Castro Grande de Neixón identifícase como un poboado cinguido por fosos e unha muralla perimetral, mentres que a 200 metros del, na punta da península, o Castro Pequeno de Neixón constitúe un asentamento máis antigo e de menores dimensións, tamén delimitado por unha muralla. Segundo diversas datacións, o Castro Pequeno de Neixón atópase entre os castros máis antigos de Galicia, cunha primeira fase de ocupación na transición Bronce Final-Primeira Idade do Ferro, presentando diferentes momentos de ocupación cun desenvolvemento pleno dende o século VI a.C. ata alcanzar o século IV a.C., momento en que as datacións indican que se está a construír o Castro Grande de Neixón, cuxa ocupación abrangue dende o século IV a.C. ata o IV d.C., xa na época tardorromana.

Estes xacementos achegan unha variada cultura material que destaca pola súa amplitude e calidade. O seu estudo segue a achegar datos fundamentais para o coñecemento da protohistoria de Galicia e Europa, en especial ou seu material cerámico é referente fundamental na seriación tipolóxica da cerámica castrexa e a súa distribución territorial, localizándose en Neixón todos os tipos que definen a tradición oleira das Rías Baixas.

Os materiais cerámicos achados na zona arqueolóxica de Neixón permitiron documentar temperáns contactos comerciais (século VI a.C.) entre o mundo castrexo e entre os circuítos comerciais mediterráneos (iberos, púnicos) e os posteriores entre o mundo romano e as comunidades castrexas do noroeste ata a época tardorromana. Así mesmo os materiais metálicos (especialmente bronce) evidencian unha intensa actividade metalúrxica, que remite ao desenvolvemento desta actividade no noroeste e dentro do marco do circuíto atlántico europeo, adscribíndose os materiais atopados no Castro Pequeno de Neixón a unha ocupación do Ferro I (séculos VII-V a.C.).

A punta de Neixón constitúe un fito na historiografía galega, por canto foi un dos primeiros xacementos castrexos escavados, con anterioridade a 1925 por Manuel Otero e Roberto González, e posteriormente por membros do Seminario de Estudos Galegos, en concreto por Florentino López Cuevillas e Fermín Bouza Brey, constituíndo un referente ata a actualidade da arqueoloxía científica galega. A súa investigación desenvolveuse ata a actualidade por membros do Departamento de Arqueoloxía da Universidade de Santiago e do Centro Superior de Investigacións Científicas e actualmente continúa a achegar datos fundamentais para o coñecemento da protohistoria de Galicia e Europa.

Sociedade