Castiñeiros sen terra ou árbores postas

Castiñeiros sen terra ou árbores postas
29 de Outubro, 2023 - 12:10 h. | Publicada por Radio Monforte

As castañas tiñan dono, afirma o propietario da libraría papeleria O Garabato do Incio Nemesio Pérez. Atopamos “castiñeiros sen terra” ou “arbores postas” por moitas comarcas de Galicia. Pero non existen estudos sobre esta figura de titularidade compartida. A terra era dunha propiedade pero a árbore tiña outro dono e iso se reflexaba nas escrituras diante do notario. 

ESCOITA O PODCAST:

Escoita aquí o podcast sobre os "Castiñeiros sen terra" do Incio:
http://173.255.131.18/audio/290923INCIO.mp3

Campo da feira do Incio na actualidade

No campo da feira de Cruz do Incio había familias que posuian a propiedade das árbores como castiñeiros e carballos. Aproveitaban a leña e os froitos, pero a propiedade dos terreos cedérase ao Concello para a ubicación dos mercados os dias 9 e 22. A do dia 9 deixouse de facer, pero a do 22 era moi concurrida. A propiedade da parcela do campo da feira era de uns, pero outra familia viña e plantaba as súas arbores,  segundo lembra  a veciña Raquel Macía.

Eran tempos nos que apañar as castañas e vender a madeira das podas para leña, daba uns bos recursos. A xente doaria as parcelas ao Concello para campo da feira, pero reservaría o seu dereito a plantar árbores, recoller os froitos e aproveitar a madeira das podas. 

A cesión das parcelas do campo da feira pode remontarse a tres épocas. A primeira en 1874 cando se traslada a Casa do Concello de Rendar para Cruz do Incio. En Rendar había Concello, escribano e cárcere. O traslado comezou en 1865 e remata o 9 de abril de 1874 (1). Nemesio Pérez supón que o comezo da división da propiedade entre as arbores e a parcela remontase ao momento no que o Concello se trasladou. Non só cambiou de localización a institución municipal. Houbo máis cambios nas feiras. En 1877 celebrabase en Laiosa unha feira con gando, cereais e toda caste de xéneros e artigos do comercio, os dias 6. A Corporación do Incio acordou trasladala para os dias 26 de cada mes (2)

 

Andando o tempo amplíase o campo da feira da Cruz do Incio. Debeu de coincidir co asfaltado da parcela acometido en 1932 (3). A memoria oral lembra que daquela novas familias plantaron a cambio da cesión. Hai unha terceira ampliación. En 1963 inaugurouse a nova igrexa e derrubouse a vella capela ubicada no lugar da feira. Arredor da capela, había uns casetos e as familias propietaria cederon a súa propiedade a cambio do dereito a plantar exemplares arboreos. Todo o mundo sabía cal era o seu carballo e o seu castiñeiro.

A división da propiedade no campo da feira do Incio causou problemas en distintas épocas. Ás veces, o Concello non tiña coidado para a poda e utilizaba a parcela para depósito de gravilla. Houbo protestas, recollida de sinaturas e mobilizacións,  porque todo o mundo sabía cal era o seu castiñeiro e quería conservalo. Algúns árbores rodeabanse de silveiras para que a rapazada non os derramara.

Unha nova ampliación do campo provocou outravolta conflito en 1963. O 29 de xullo dese ano inaugurouse a nova igrexa e derrubouse a vella capela da zona da feira. O Concello iniciou expediente para expropiarlle a Abel Cortiñas López sete casetos ou pendellos adosados ao templo. Segundo lembra a familia, ao final houbo acordo e a cambio da cesión, puido plantar árbores dos que conservaba a propiedade, segundo escritura diante do notario.  

Vinte polos

Moita xente ía á feira da Cruz do Incio ao longo do século XX. Raquel Macia lembra dunha vendedora de ovos que lle chamaban a gorriona. Tiña que xuntar vinte polos  para mandar a Madrid. As feiras de Cruz do Incio eran moi importantes. Vendíanse porcos, vacas, pitas e ovellas, cada especie nunha zona diferente. Tamén viñan feirantes con postos de roupa,  polbo e con sardiñas fritidas. As máis concurridas eran as do verán, xa que había moitos “agüistas” que viñan tomar a auga da Ferreiría do Incío. En todas as casas da zona, hospedábase xente da Coruña, Lugo, Madrid ou Barcelona.  A veciñanza actual do Incio ainda viviu boas feiras.  

Poznera e Rozavales

O dereito de plantar arbores en terreos comunais e recoller os seus froitos chámase en Asturias, “poznera”. É un costume xurídico antigo que ten como antecedente os “arbore signata” da época romana. Atopase en Asturias e en Euskadi pero tamén en Estremadura. Non é exactamente unha división do dominio, nin unha servidume, nin tampouco un usufructo. A persoa coa poznera pode recoller os froitos, podar e vender a leña pero tamén repoñer as arbores se secan. En Galicia documéntanse os “castiñeiros sen terra” como unha institución do dereito civil consuetudinario galego. Permítese a escisión do dominio, admitindo en consecuencia un dono para o solo distinto ao titular das árbores. Distinto é o criterio do Código Civil español que marca no seu artigo 358 que “o edificado, plantado ou sementado en predios alleos, e as melloras ou reparacións feitas neles, pertencen ao dono dos mesmos con suxeición ao que se dispón nos artigos seguintes”. 

En Euskadi hai estudios dunha institución similar, denominado o ondazilegi, “propiedad separada del suelo y del vuelo” unha separación regulada satisfactoriamente tanto na lexislación inmobiliaria como na lexislación de montes e que se practica con óptimos resultados. Ten raigame histórica, pero carece de atención doctrinal, segundo Mikel Mari Karrera (4)

 

Tamén similar semella o caso do castiñeiro milenario sen terra de Rozavales, na paraxe de Pombariños no concello de Manzaneda. Tres irmáns doaron á comunidade autónoma galega esa árbore, “herdanza do seu pai, segundo manifestan e sen que o acrediten documentalmente” (5). A comunidade autónoma acepta o “pleno dominio” do castiñeiro descrito comprometendose a asumir os labores necesarios para a súa mellora, coidado, conservación e bo uso. (6) 

 

O Pequeniño

Un busto do médico Manuel Diaz Gonzalez “o pequeniño” vixía agora o campo da feira de Cruz do Incio. Erixiuse en novembro de 2011 e a ocasión serviu para mostrar a vixencia dos recordos entre a veciñanza, familiares e cidadanía solidaria, segundo apunta o seu sobriño- neto Xosé Manuel Diaz. O médico morreu nun asasinato extraxudicial o 11 de setembro de 1936 despois do golpe de estado -xunto con outros 12 cidadáns do Incio segundo o portal de nomes e voces da Universidade de Santiago- pero a súa imaxe “supervisa” na actualidade que todo o mundo respete o campo da feira, algo que é, dalgún xeito, de toda a xente, da comunidade.  Coas árbores postas, os castiñeiros sen terra, xa se sabía  que as castañas tiñan dono.

 

Notas:

 

  1. LVG. 1932-10-28
  2. FERNANDEZ PULPEIRO, J.C (1994) O Incio. Deputación Lugo
  3. Boletín Oficial da provincia de Lugo. Número 104. 30 de agosto de 1877 
  4. KARRERA EGIALDE, MIKEL MARI La propiedad separada del suelo y del vuelo: Los terrenos Ondazilegi.
  5. Doazón otorgada por J.M.G.F. e outros a favor da comunidade autónoma de Galicia diante do notario de Trives Fernando Gutiérrez. 26 de xaneiro de 1994.
  6. Decreto 144/1993 do 24 de xuño. Publicado no DOGA o martes 6 de xullo de 1993

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora