Aposta pola calidade de vida e os espazos verdes

Aposta pola calidade de vida e os espazos verdes
16 de Setembro, 2022 - 09:47 h. | Publicada por Radio Oleiros

O proxecto Onda ODS -orientado á difusión dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable e no que participan máis de 300 medios locais de todo o Estado- comezou o xoves 15 de setembro cun primeiro programa radiofónico emitido en directo desde o castelo de Santa Cruz en Oleiros no que Susana Falcón, de Radiofusión, e Pablo García, de Radio a Estrada, entrevistaron a catorce convidados e convidadas relacionados dalgún xeito con estes obxectivos. Entre o público estaban alumnos e alumnas do CEIP Juana de Vega e IES María Casares da localidade coruñesa. 

Angel García Seoane e Xosé García

Polos micrófonos de Onda ODS pasaron responsables políticos como os alcaldes de Oleiros, Ángel García Seoane; César Longo, rexedor de Paderne -aínda que ste último o fixo en calidade de vicepresidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo- e Carlos García, concelleiro da Axenda 2030 de Foz. Tamén estiveron Ana Traseira, directora da UNED de Lugo; Laura Vidal, dinamizadora do Consello Climático de Oleiros e Carlos Vales, director do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA). Todos eles afondaron nas iniciativas relacionadas cos ODS que se levan a cabo nestes organismos. Igualmente participaron responsables de medios de comunicación como os promotores do proxecto, Henrique Sanfiz -director de Radiofusión e da asociación de emisoras municipais galegas EMUGA-, Guillermo Buteau -coordinador do proxecto Onda ODS- , María López -directora de Ràdio Televisió Cardedeu-, Paco Crespo -director das Emisoras Municipais de Andalucía- e Isabel Lema -integrante da Rede de Medios Comunitarios e membro do consello de coordinación de CUAC FM- xunto a Pilar Moreno, coordinadora das emisoras municipais valencianas, que tamén aspira a formar parte desta iniciativa e Xosé García, director de Radio Oleiros. Da parte musical encargouse a cantautora mugardesa Sofía Espiñeira, que acaba de ser elixida finalista para os premios da música Martín Códax na categoría de canción de autor e que tamén explicou a súa visión dalgúns dos contidos da Axenda 2030 como a igualdade de xénero, na que recoñeceu o papel das avoas e nais da xeración actual, pero destacou que aínda hai moito por facer no feminismo.

O alcalde da localidade anfitrioa subliñou a aposta pola calidade de vida e polos espazos verdes no concello de Oleiros, repasou a súa traxectoria no eido medioambiental desde que con só 18 anos comezou a loita en defensa da praia de Santa Cristina e o traballo no ámbito da solidariedade internacional feito nos 45 anos que leva á fronte do Concello. Foi el o artífice da primeira emisión dunha radio municipal en Galicia, en Oleiros, cuxo director, Xosé García, recordou aquel espazo inaugural que contou coa participación do escritor Manuel Rivas e que só durou os 70 minutos que tardou en chegar a Garda Civil. A emisora foi pechada, pero volveu, e foi a primeira que emitiu integramente en galego.

Institucional

Publica o teu comentario agora