Alfredo Vicenti, extraordinario reporteiro e precursor do xornalismo

Alfredo Vicenti, extraordinario reporteiro e precursor do xornalismo

22 de Novembro, 2016 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

A separación entre a igrexa e o estado sería boísima para as relixións, afirmaba no século XIX o escritor, médico e republicano Alfredo Vicenti. O cardenal Payá excomungou a Vicenti quen impulsou a criación dunha asociación de xornalistas galegos, vinte anos antes do nacemento da Asociación da Prensa en Madrid.

O historiador José Antonio Durán ofreceu unha visión descoñecida de Alfredo Vicenti nunha nova edición de Os Luns do Ateneo en Santiago de Compostela. Durán debullou unha imaxe nova de Vicenti, a tan só uns días dos 100 anos do seu facelemento. Nesta conferencia, titulada ‘Alfredo Vicenti, o compostelá errante no centenario da morte do “mestre” do xornalismo español’, ofrecéronse detalles de Vicenti froito de recentes investigacións.
Entre eses novos datos atópase a súa cara máis solidaria, cunha forte presenza na beneficiencia de Santiago, frecuentando o hospicio, “un lugar polo que sentía especial querencia”, afirmou Durán. Entre os datos que máis chamaron a atención está a creación dunha asociación de xornalistas galegos, 20 anos antes da creación da Asociación da Prensa de Madrid. Esta fundación prodúcese durante o Certame Literario de 1875, onde o seu discurso abraiaría á propia Rosalía.
O federalismo, o liberalismo e o galeguismo foron outras palabras que se escoitaron na conferencia. Termos que podían definir a Vicenti e que lle levaron a discusións e alonxamentos de persoas como Brañas, moi relixioso. Vicenti estaba de acordo na separación de Igrexa e Estado. “Sería buenísima para las religiones”, dicía o propio Vicenti. O xornalista participou na política, sendo candidato republicano-agrario por Lugo.
No seu papel específico como xornalista, Durán destacou a súa actividade en Galicia, chegando a dirixir de ‘El Diario de Santiago’ no 1878. En Madrid estaría ao mando de ‘La Ilustración Gallega y Asturiana’, trala a súa excomulgación en Santiago en 1880. Foi unha peza fundamental dos principais xornais liberais, como ‘El Globo’ o ‘El Liberal’.
Vicenti tamén foi un gran defensor dos escritores da súa idade. “Afirmou que foron os primeiros xornalistas galegos, conseguindo o avance da sociedade civil”, remarcou Durán.

O próximo luns o Ateneo recibirá a Carlos Ricoy, profesor da Facultade de Económicas da USC, que impartirá ‘O legado de Keynes (no setenta cabodano da súa morte)’. A cita será ás 20.00 horas, na Rúa do Vilar, 19.

Sociedade