Abasto era un nome feo pero adoptámolo

Lembramos a breve historia do grupo musical con Suso Díaz
20 de Outubro, 2020 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

O grupo musical Abasto naceu en San Valentín no ano 1977. Tivo unha vida curta porque se desfixo en 1981, despois do 23 F.

ESCOITA O PODCAST:

Imaxinamos a escena. Un grupo de adolescentes- Suso Díaz tiña 14 anos- reunidos no barrio de San Valentín co soño de formar un grupo musical. Corría o ano 1977. Eran tantos, cóntanos Suso, que ao final tiveron que facer dous grupos. En Abasto quedaron catro, os que eras mais constantes nos ensaios; Suso Díaz, Humberto, José Grandal e Delfín. Foi Julián, falecido en Cedeira, quen bautizou o grupo co nome de Abasto. “Dixo que era un ser mitolóxico grego. Aínda que o nome era feo quedamos con el”, recorda Suso Díaz. El mesmo investigou e non atopou nada do tal Abasto pero anos despois, vendo un documental da TVG, falaron de Abasto no contexto das meigas galegas.

Ensaios e actuacións

O grupo ensaiaba no antigo colexio dos Hexágonos. Lembran algúns dos lugares nos que actuaron. Hai dúbidas sobre o primeiro concerto que puido ser o organizado polo Club Xuventude no cine Perla de Perlío ou o que deron no Casino mugardés. E lembran o concerto onde mellor lles pagaron, no barrio de Canido, polo que cobraron 20.000 pts que “naquel momento era moito diñeiro, como a paga mensual dun aprendiz de Astano”. Lembran tamén cando os chamou Maikel e se reuniron para tocar na casa, na primeira edición do Fene rock en San Valentín.

O soño musical que se chamou Abasto durou relativamente pouco, o mesmo que a adolescencia dos seus compoñentes. Desfíxose en febreiro de 1981, despois do 23F, unha data desas que non se esquecen.

 

Na imaxe, Suso Díaz, compoñente de Abasto.

Cultura

Publica o teu comentario agora