7.400 sinaturas contra a privatización do servizo de diálise do Hospital de Ribeira

7.400 sinaturas contra a privatización do servizo de diálise do Hospital de Ribeira

19 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza entregou esta mañá preto de 7.400 sinaturas no rexistro do Sergas contra a privatización do servizo de diálise do hospital emprazado en Santa Uxía de Ribeira. Os apoios á causa inclúen aos traballadores do propio centro sanitario e aos doentes que fan uso do servizo.

O persoal público dispoñible, aseguran, non abonda para atender a demanda durante os tres días de funcionamento á semana. Cada sesión de diálise chega para atender a doce pacientes de nefroloxía, e aqueles que fican sen tratamento deben desprazarse até o Complexo Hospitalario de Santiago. Cando se produciron as primeiras protestas ao respecto, hai un mes, a secretaria xeral da Federación de Sanidade de Comisións Obreiras, Lola González, asegurou en Radiofusión que a Xunta xa decidira completar o servizo de nefroloxía contratando á Fundación Renal Íñigo Álvarez de Toledo, en cuxo padroado figura o ex ministro de Sanidade do Partido Popular, José Manuel Romay Beccaría, e que traballa noutros centros públicos galegos.

Sociedade