60 anos sen Castelao

60 anos sen Castelao

03 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Neria

O vindeiro xoves 7 de xaneiro cúmprense 60 anos dende a morte de Castelao. Trátase da figura máis relevante da historia da cultura galega do século XX. Á súa habilidade e teimosía parlamentaria, débelle Galicia a aprobación do seu Estatuto de Autonomía na sesión das Cortes de Montserrat en 1938.

Dotado dunha sensibilidade singular, extraordinario debuxante e literato maxistral, revélasenos como un profundo coñecedor da psicoloxia do pobo galego, que queda perdurablemente reflexada na súa obra inzada de comprensión e humanidade. Toda a súa producción artística, o mesmo que a súa actividade política, está tinguida de amor polo pobo galego, e a súa figura acada a categoría de mito, xunto con Rosalía, na historia da producción espiritual de Galicia.

Castelao é un clásico da cultura galega en todos os campos que abrangue a súa obra: na historia das artes plásticas, na da prosa narrativa e na do teatro. Pola súa significación política e a súa producción ensaística, tamén é un clásico da historia do galeguismo.
Castelao naceu en Rianxo o 30 de xaneiro de 1886 no seo dunha familia mariñeira. Morreu en Buenos Aires (Argentina) o 7 de xaneiro de 1950.

O mesmo 7 de xaneiro o Bloque Nacionalista Galego do Barbanza organiza os seguintes actos conmemorativos en Rianxo:

12.00 no Cuartel Vello de Rianxo, coa presensa de Guillerme Vázquez, porta-voz nacional do BNG, e de Adelina Ces, porta-voz municipal de Rianxo
12:30 ofrenda floral ante o busto de Castelao, no paseo da Ribeira

Sociedade